Como usar o gas para un mellor aproveitamento
Os gases licuados do petróleo -GLP- teñen gran número de utilidades no ámbito doméstico. Non obstante, hai que ter en conta certas consideracións previas de cara á súa utilización:
- O butano e o propano, aínda que teñen usos moi similares, empréganse de forma diferente dependendo do punto de ebulición necesario.
- Empregarase o butano cando se trate dun consumo reducido como pode ser a utilización doméstica.
- Para usos industriais e domésticos de maior consumo (cociña, auga quente sanitaria, calefacción) e utilización á intemperie -onde a temperatura pode baixar por debaixo dos cero graos-, aconséllase empregar propano.
- As instalacións -sobre todo as de uso doméstico- para os gases butano e propano son sinxelas e rápidas de crear, así como económicas.
- Non contaminan nin deixan residuos como outras fontes de enerxía. Constitúese así como un tipo de enerxía moderna e cómoda.
Os aparellos de utilización de gas propano ou butano difiren sensibelmente dos aparellos que funcionan con outros gases, sobre todo nos inxectores -que son dun diámetro menor- e nos queimadores -cunha maior entrada de aire primario- así como nas chaves de corte -que debido á gran fluidez dos GLP deben ser de maior estanquidade-. Do exposto anteriormente, dedúcense tres sectores ben definidos en canto ás aplicacións máis usuais:
- Doméstico: cociñas, quentadores, aparellos de calefacción, iluminación e refrixeración.
- Industrial: soldadura branda, oxicorte, tratamentos térmicos, calefacción en granxas, etc.
- Automoción: carretas elevadoras etc.