Os animais domésticos son homeotermos, isto é, han de manter a súa temperatura corporal dentro dunha marxe estreita de variación o que os obriga a manter un equilibrio entre a calor que perden cara ao medio exterior e a calor que producen ou adquiren do medio que os
rodea.
Existe unha marxe de temperatura ambiental onde a calor producida abonda para manter constante a temperatura corporal. Esta marxe de temperaturas denomínase temperatura neutra.
Cando a temperatura ambiental descende por debaixo da neutra, o animal necesita producir máis calor para manter constante a temperatura do corpo e para iso incrementa o consumo de alimento, e se non é posíbel, obtén calor queimando as reservas do seu propio corpo diminuíndo o rendemento da crianza. O límite inferior da temperatura neutra recibe o nome de temperatura crítica inferior.
Cando a temperatura ambiental é superior á neutra, o animal equilibra a súa temperatura corporal cedendo calor ao medio. Trátase dunha perda de enerxía que non se traduce en produción. O límite superior da temperatura neutra recibe o nome de temperatura crítica superior.
Nunha mesma especie animal as temperaturas críticas superior e inferior varían en función da raza, da idade, do nivel de alimentación e das condicións ambientais. Dentro da marxe de temperatura neutra, recibe o nome de temperatura óptima aquela á que se obteñen mellores índices de transformación.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.