O Goberno endurece o carné de motos - repsol.com

Repsol YPF

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Motos > Noticias > Actualidade
O Goberno endurece o carné de motos

Xa o anunciara en decembro o ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba: o Goberno ía modificar o carné de motos. A semana pasada o Consello de Ministros aprobou a reforma do Regulamento de Condutores, segundo a cal, a idade mínima para poder conducir ciclomotores elévase a 15 anos, a idade para poder levar pasaxeiro en ciclomotor a 18 anos e, ademais, haberá que realizar un exame práctico para acceder aos permisos A e A1.

Segundo explica a Dirección Xeral de Tráfico, DXT, o aumento da sinistralidade das motos provocou este endurecemento do carné de motos. Así, a partir do vindeiro 1 de setembro a idade mínima para poder conducir un ciclomotor será 15 anos e non 14 como até agora. Ademais, os aspirantes deberán pasar unha proba teórica e outra práctica en circuíto pechado. Asemade, a idade mínima dos pasaxeiros pasará dos 16 aos 18 anos.

A nova normativa recolle que aqueles que queiran obter o carné A1 -que permite conducir motocicletas de até 125cc e ao que se pode acceder dende os 16 anos- e o A -para calquera tipo de moto-, deberán superar unha proba práctica en vías con circulación real, conducindo o vehículo que corresponda, sen acompañante. O examinador que dirixirá a proba dará as instrucións mediante un intercomunicador desde un vehículo que circulará trala moto.

Ademais, o Goberno creou un novo permiso, o A2, ao que se poderá acceder dende os 18 anos, aínda que para iso haberá que acreditar unha experiencia de dous anos na condución de motos de até 125cc. Por outra banda, para obter o permiso A, que permite conducir calquera tipo de moto, será necesario ter 20 anos como mínimo e unha experiencia de dous anos conducindo vehículos para os que autoriza o novo carné A2, ou ter 24 anos e pasar unha proba de control de aptitudes e comportamentos.

28/01/2008

Últimas noticias:

- Harley-Davidson celebra o seu 105 aniversario
- Peugeot Sum Up, unha scooter versátil


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.