Dende 1994, o día 17 de xuño é o Día Mundial da Loita Contra a Desertización e a Seca. A data foi estabelecida pola Convención das Nacións Unidas de Loita contra a Desertización (CNULD).
Para lembrar como é posíbel loitar na vida cotiá contra ela. A degradación dos solos de zonas áridas, semiáridas e subhúmidas secas provocada por diversos factores, entre eles as variacións climáticas e as actividades humanas, é o que se coñece como desertización. Afecta á sexta parte, aproximadamente, da poboación mundial e ao 70% de todas as terras secas, é dicir, a 3600 millóns de hectáreas e á cuarta parte da superficie total das terras do planeta.
A CNULD estabelece que se aplicarán "estratexias de longo prazo" para "a rehabilitación, conservación e aproveitamento sostíbel dos recursos de terras" e hídricos que melloren "as condicións de vida, especialmente a nivel comunitario".
Adeus á terra produtiva
Cada ano desaparecen 6 millóns de hectáreas de terra produtiva. A desertización afecta a máis de 110 países. Grupos como Ecologistas en Acción aseguran que en España o 40% do solo está ameazado polos procesos de desertización.
Un dos principais factores causantes da desertización é a erosión, que produce a perda de solo fértil. Case a metade do territorio español, 21 millóns de hectáreas, sofre perdas de solo de 12 toneladas por hectárea e ano, límites superiores aos aceptábeis. O 12%, uns 6 millóns de hectáreas, está sometido a erosión moi intensa, con perdas de solo superiores a 50 toneladas por hectárea e ano. Andalucía, Castela-A Mancha, Levante e Murcia son as áreas xeográficas máis afectadas.
Actualmente, o problema está diagnosticado e analizado. Entre os primeiros factores que o provocan está a sobreexplotación dos recursos hídricos, debido á concentración da actividade turística nas zonas costeiras, as actividades industriais e a agricultura de regadío. Así e todo, aínda que se sabe como combater este problema dende un punto de vista técnico, é difícil adoptar as medidas axeitadas.
Seca
Para loitar contra a degradación dos solos e a desertización son necesarias técnicas de reforestación e desenvolvemento sostíbel. Por outra banda, tamén é certo que unha seca intensa obriga os cidadáns a adoptar hábitos e costumes de aforro no uso da auga.
É importante que cada un dos membros da comunidade aprenda a consumir a auga estritamente necesaria, comece a pensar en reciclar toda a auga posíbel e en substituír os sistemas de rego tradicionais polos de goteo.
Inicialmente, é moito máis barato combater a seca mediante a prevención, é dicir, evitando a escaseza de auga, que ter que paliar logo as súas consecuencias.
Gastar menos auga e enerxía
Organizacións ecoloxistas como Greenpeace propoñen aforrar auga e enerxía para combater a seca e o cambio climático. Segundo esta organización, o cambio climático agrava os períodos de seca. Se antes de 1970 un 15% da superficie terrestre sufría seca, actualmente a proporción acada xa un 30%. Por iso é urxente tomar medidas que eviten a intensificación do problema.
As administracións han de exercer medidas contra a degradación das terras mediante a intensificación de actividades de conservación de solos, como forestación e reforestación, ademais dun control sobre o aumento da demanda de auga ou enerxía e a corrección das perdas nas redes de distribución de auga, que segundo datos oficiais teñen fugas dun 30% do caudal.
Para Ecologistas en Acción, as actuacións en materia de protección de solos deben ter como principal obxectivo o desenvolvemento dunha xestión sostíbel das terras agrícolas, dos recursos hídricos e da ordenación do territorio. A atenuación dos efectos das secas e da erosión do solo deberá abranguer outros moitos aspectos, pero en particular a adaptación de sistemas de produción agrícola apropiados.
A sobreexplotación é a principal causa da escaseza de auga en España, asegura WWF/Adena, quen advirte de que hai concas hidrográficas que directamente usan máis auga da que teñen dispoñíbel.
Todos os cidadáns deben levar a cabo tamén as súas propias políticas de aforro de auga e enerxía, ademais de adoptar medidas que favorezan a rehabilitación e xestión sostíbel das terras degradadas. WWF/Adena acaba de estrear unha campaña de sensibilización, a exposición "Agua esCasa".
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.