Entrevista ao presidente executivo - repsol.com

Repsol

Logo Repsol

Ruta

Estou en: Inicio > Responsabilidade corporativa > Mensaxe do Presidente
   

Entrevista ao presidente executivo

   

Antonio Brufau responde algunhas cuestións clave sobre os retos do modelo enerxético e o papel da nosa compañía no desenvolvemento sostíbel.

¿As profundas transformacións que se están producindo no mundo que consecuencias poden ter para as compañías enerxéticas?

Estamos asistindo a un desprazamento do centro de gravidade do goberno mundial, que transforma o planeta nun novo sistema multipolar, estruturado arredor dos países do G20. Ao mesmo tempo, a puxanza das grandes economías emerxentes, co seu inmenso apetito de recursos naturais, formula un inmenso reto no plano enerxético para atender simultaneamente as esixencias de seguridade de subministración, competitividade e contención dos impactos ambientais.

O crecemento da poboación mundial e os seus niveis de desenvolvemento levan aparellado un incremento do consumo enerxético mundial cuxas consecuencias esixen un cambio de modelo enerxético. O que nos serviu no pasado xa non vale para o futuro. 

As compañías enerxéticas estamos chamadas a involucrarnos na transformación do modelo, que vai vir condicionado por catro grandes cuestións: en primeiro lugar, compasar a oferta á demanda de petróleo e gas obriga a buscar recursos cada vez de máis difícil acceso e de maior custo; segundo, non cabe dúbida de que os combustibles fósiles van seguir sendo unha parte esencial do mix enerxético, pero será conxuntamente co desenvolvemento importante de novas enerxías; terceiro, a medida que a seguridade de subministración dos hidrocarburos se vexa sometida a maiores tensións, cobrará maior relevancia o peso da enerxía no panorama xeoestratéxico mundial; e por último o cambio climático, un factor que, por si só, abondaría para esixirnos acometer cambios profundos no modelo enerxético tradicional. 

¿Que papel xoga Repsol en relación a estes cambios, e cales son os seus retos en relación ao desenvolvemento sostíbel?

As expectativas sobre a contribución dunha compañía como a nosa ao desenvolvemento sostíbel ampliáronse considerabelmente. Espérase de nós que nos involucremos máis nunha multitude de temas que preocupan á sociedade, como os dereitos humanos, a loita contra a corrupción, a influencia sobre a cadea de subministración, os dereitos de propiedade intelectual, a publicidade xusta, a protección de información persoal, o acceso a recursos esenciais, ou o consumo responsábel.

Entre todos eses temas destaco a nosa resposta ao desafío ambiental. A magnitude da redución de emisións de efecto invernadoiro que é necesario abordar require medidas que afectarán a todos os sectores e todos os países. Repsol deberá xogar un rol moi relevante para facer fronte a este reto, como axentes de desenvolvemento e de benestar que somos en todas as sociedades nas que operamos. Actualizamos a nosa Estratexia de Carbono co fin de avanzar na redución da intensidade de carbono das nosas operacións, mediante o fomento das oportunidades de redución de emisións, a aposta pola eficiencia enerxética e a explotación de recursos enerxéticos de menor contido en carbono.

Outra cuestión de gran calado é o noso compromiso público coa transparencia, como contribución aos esforzos multilaterais a favor do correcto goberno e contra a corrupción. Repsol dispón de elementos de goberno que impoñen o comportamento ético e que promoven activamente a transparencia en todas as nosas actividades, cuxo único límite debe ser a obriga de non dar información legalmente reservada, que atente contra a seguridade ou que vulnere a privacidade das persoas, que sexa comercialmente sensíbel ou que interfira coa libre competencia. 

¿Que cambios se están producindo en Repsol e cal é a folla de ruta que segue a compañía cara á sostibilidade?

A contribución de Repsol ao desenvolvemento sostíbel componse de iniciativas a curto prazo e a medio e longo prazo. Entre as últimas están moitas das que integran a nosa I+D e tamén se inclúen as adquisicións de coñecementos e tecnoloxías emerxentes. As iniciativas de curto prazo, un ou dous anos, son as que foron seleccionadas como prioritarias polas unidades no seo do Comité de Responsabilidade Corporativa de Repsol e conforman o noso Plan de Sostibilidade, que na súa versión actual ten un horizonte 2012.

Este plan, que os cidadáns poden descargar no noso portal, recolle compromisos concretos, con indicadores que se poden medir, de avance no campo do comportamento ético, en respecto aos dereitos humanos, en materia de diversidade, integración e conciliación laboral, en seguridade e para a contención dos impactos ambientais. Ademais inclúe unha serie de actuacións no ámbito da nosa cadea de valor, a través das cales, imos seguir influíndo nos nosos provedores, contratistas, subcontratistas, distribuidores, socios e clientes cando os seus estándares éticos, sociais e ambientais teñan percorrido de mellora.

O noso Plan de Sostibilidade vaise actualizar cada ano. Renderemos contas das iniciativas comprometidas para cada exercicio e das novas iniciativas que as unidades vaian incorporando baseándose nas expectativas das partes interesadas e nos estándares internacionais de aplicación.


En 2010 a ONU deu pasos decisivos en clarificar o rol das empresas en pro dos dereitos humanos. ¿Que supón este novo marco para Repsol?

Aínda que na linguaxe das empresas aínda non sexa frecuente a expresión "dereitos humanos", e o tema pareza estar emerxendo agora como unha nova prioridade, en realidade levamos anos preocupándonos polos dereitos laborais, a erradicación do traballo infantil, a non discriminación, a saúde, a seguridade e moitos outros temas relativos aos dereitos humanos.

O que nos propoñen as novas disposicións da ONU sobre empresas e dereitos humanos é unha xestión íntegra e sistemática dos 30 dereitos protexidos pola Declaración Universal e os instrumentos da legalidade internacional que a desenvolven, e que esa xestión vaia dirixida a que as actividades e decisións da compañía non interfiran no grao de gozo destes dereitos e a que nos ocupemos de xeito adecuado dos impactos negativos se chegasen a acontecer.

A folla de ruta para que o novo estándar corporativo de dereitos humanos estea integrado en todas as facetas dos negocios vai requirir non poucos esforzos. A maioría das controversias que vimos xestionando non pertencen ao ámbito das nosas actividades directas, senón a situacións nas que temos que enfrontarnos con riscos relativos aos dereitos humanos por parte de terceiros, sexan provedores, contratistas, distribuidores, socios ou, mesmo, axencias gobernamentais.

O consenso forxado arredor da ONU, que por primeira vez na longa historia do debate sobre empresas e dereitos humanos foi moi amplo, dotounos dun proceso de dilixencia debida cuxo centro é a avaliación de riscos e a prevención. Temos que aprender, adaptar e incorporar ás nosas operacións este proceso a un ritmo razoabelmente rápido, en relación coa magnitude do reto que supón.

¿Que fitos destacaría en relación ao desempeño de Repsol en 2010?

Destaco especialmente os resultados en materia de seguridade. A pesar de que non tivemos un ano libre de fatalidades, polo que non podemos sentirnos satisfeitos, continuamos reducindo o índice de frecuencia de accidentes do noso persoal propio e contratista, e estamos destinando máis recursos ao incremento da seguridade dos nosos procesos así como á mellora da calidade das nosas investigacións de incidentes.

No plano da nosa contribución a paliar o problema do cambio climático, en 2010 continuamos reducindo o noso consumo total de enerxía e as nosas emisións de CO2.

Tamén podemos dicir que cada ano somos unha empresa máis diversa. Temos máis mulleres ascendendo en igualdade de condicións na escala profesional, máis persoas dentro do cadro de persoal de diferentes idades e nacionalidades e máis empregados con discapacidade integrados na nosa casa, factores todos eles dos que todos os que formamos Repsol nos sentimos especialmente orgullosos.


 

  • Avaliar páxina
  • Engadir a Favoritos
  • Imprimir
  • Liña separadora
  • Compartir en Facebook
  • Compartir en Twittter
  • Compartir noutras redes sociais
  • Delicious
  • Menéame
  • Buzz
  • Digg
  • MySpace
  • Wikio

Última actualización: 25 de maio de 2011

Contacto

Paseo de la Castellana 278-280
Teléfonos: (34) 91 348 81 00 / (34) 91 348 80 00
28046 Madrid (España)
repsolypfteescucha@repsol.com

Informe de Responsabilidad Corporativa 2010
Fundación Repsol
  • Glosario

          

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.