Repsol alcanza en 2009 un beneficio neto de 1.559 millóns de euros - repsol.com

Repsol

Logo Repsol

Ruta

Nun exercicio de éxitos exploratorios

Repsol alcanza en 2009 un beneficio neto de 1.559 millóns de euros

  • En liña co conxunto do sector, o resultado de explotación diminuíu un 35,4%, situouse en 3.244 millóns de euros. 
  • O beneficio neto foi un 39% inferior ao de 2008, fundamentalmente polo menor prezo do cru brent (-36,6%) e do gas (-55,6%), así como polas baixas marxes de refino en España (-82,4%).
  • Propoñerase á Xunta Xeral de Accionistas a repartición dun dividendo de 0,85 euros/acción, que supón un pay-out do 66%.
  • Na área de Exploración e Produción (Upstream), a produción de petróleo aumentou un 4,9% respecto a 2008 pola posta en marcha de Shenzi, en augas estadounidenses do golfo de México.
  • A área de Exploración e Produción (Upstream) de Repsol alcanzou unha taxa de substitución de reservas do 94%, dende o 65% en 2008. 
  • En 2009 Repsol levou a cabo unha campaña exploratoria récord, con 15 importantes achados, tres dos cales figuran entre os maiores do mundo.
  • A mellora experimentada polo negocio de Márketing tivo un impacto positivo sobre o resultado da área de Refino e Márketing (Downstream), compensando en parte a caída das marxes internacionais de refino e a demanda mundial.
  • Os ingresos de explotación de Repsol en 2009 ascenderon a 49.032 millóns de euros.
  • Antonio Brufau: "A nosa disciplina financeira permitiunos manter e desenvolver o plan de investimentos estratéxicos que aseguran as bases do crecemento da compañía".

Nota de Prensa

25 de febreiro de 2010 09:56 CET

Rss Imprimir Descarga

Repsol obtivo en 2009 un beneficio neto de 1.559 millóns de euros, o que supón un descenso do 39% respecto ao obtido no ano anterior, nun difícil ámbito económico caracterizado no sector polos baixos prezos internacionais do cru e do gas.

resultado de explotación do Grupo foi de 3.244 millóns de euros, un 35,4% inferior ao do exercicio 2008, severamente afectado polos descensos do prezo medio do cru e do gas, así como polas baixas marxes de refino en España.

Durante 2009 a cotización media do cru Brent, foi de 61,7 dólares/barril, un 36,6% inferior aos 97,3 dólares/barril de 2008. O petróleo West Texas cotizou a unha media de 62,1 dólares/barril, un 37,8% por debaixo dos 99,8 dólares/barril do ano anterior. Polo que se refire ao gas, o prezo medio do Henry Hub situouse en 4,0 dólares/MBtufronte aos 9,0 dólares do ano anterior, o que supón unha caída do 55,6%. Pola súa banda, as marxes de refino en España diminuíron en 2009 un 82,4%, ata os 1,3 dólares/barril.

Nos negocios estratéxicos, o resultado de explotación da área de Exploración e Produción (Upstream) alcanzou os 781 millóns de euros, o que supón un descenso do 65,4% respecto ao exercicio anterior. Pola súa banda, o resultado de explotación da área de Refino, Márketing,Trading, GLP e Química (Downstream) situouse en 1.022 millóns de euros, cun descenso anual do 2,5%.

Neste ámbito negativo, a compañía continuou co seu plan de aforro, que reportou aforros de custos por máis de 800 millónsde euros en bases homoxéneas, mentres que, polo lado dos investimentos, estes se reduciron para o período 2008-2012, en 3.900 millóns de euros, de 28.900 millóns a 25.000 millóns de euros.

O cumprimento deste plan de aforros non afectou ao desenvolvemento dos proxectos estratéxicos do grupo que supuxeron uns investimentos, excluíndo Gas Natural, de 3.943 millóns de euros en 2009 e que aseguran o crecemento orgánico da compañía.

Adicionalmente, Repsol ten 5.992 millóns de euros de liquidez, cunha proporción de débeda neta sobre capital empregado do 16,7% para o Grupo, excluíndo Gas Natural.

NOTA ACLARATORIA:   No exercicio 2009, a participación na refinaría REFAP (Brasil) integrouse de novo proporcionalmente nos estados financeiros do Grupo.   Para facilitar e homoxeneizar a comparación entre 2009 e 2008, e de acordo co requirido na normativa contábel, os datos correspondentes ao exercicio 2008 incluídos na presente nota de prensa foron axeitadamente modificados, integrando proporcionalmente a devandita sociedade durante o exercicio completo.   Este cambio de clasificación contábel de REFAP non afecta a exercicios anteriores a 2008.

Dividendo bruto: 0,85 euros/acción

Na reunión do Consello de Administración de Repsol YPF celebrada onte acordouse por unanimidade propoñer á próxima Xunta Xeral de Accionistas a distribución de 0,425 euros por acción como dividendo complementario correspondente ao exercicio 2009, pagadoiro a partir do 8 de xullo de 2010.

Con esta proposta, que deberá ser aprobada pola Xunta Xeral de Accionistas, o dividendo bruto total correspondente ao exercicio 2009 será de 0,85 euros por acción, o que supón un descenso do 19% respecto ao aboado con cargo ao exercicio anterior.   

O importe total destinado ao pagamento do dividendo correspondente ao exercicio 2009 ascende a 1.038 millóns de euros.

Este dividendo supón un pay-out (porcentaxe do beneficio destinado ao dividendo) do 66,4% e é compatíbel cos plans de crecemento da compañía no actual ámbito.

Dende 2004, Repsol aumentou a retribución ao accionista un 70%, e incrementou o pay-out dende o 25% de 2004 ata o 66% de 2009.

Resultados 4T09

Upstream: Un 94% de taxa de substitución de reservas

O resultado de explotación do exercicio 2009 ascendeu a 781 millóns de euros, o que supón un descenso do 65,4% fronte a 2008, debido, principalmente, aos menores prezos internacionais de cru brent (-36,6%) e gas (-55,6%). Non obstante, durante o segundo semestre observouse unha recuperación dos prezos dende os niveis da primeira metade do ano.

En 2009 a produción en Upstream alcanzou unha media de 334 miles de barrís equivalentes de petróleo/día, é esta un 0,3% por cento superior á do ano anterior a pesar do impacto dos cambios contractuais e reguladores. Resulta especialmente significativo o aumento da produción de líquidos, cun incremento do 4,9% ata alcanzar os 134 miles de barrís/día.

Durante 2009 esta tendencia viuse substancialmente reforzada con 15 grandes descubrimentos que xa permitiron incorporar 550 millóns de barrís equivalentes de petróleo de recursos continxentes e cuxos beneficios se verán reflectidos en próximos exercicios. 

Repsol realizou o pasado exercicio a campaña exploratoria máis exitosa da súa historia. Dos 15 achados realizados pola compañía, Abaré Oeste en Brasil, Buckskin en Estados Unidos e Perla 1X en Venezuela sitúanse no top-ten dos máis importantes achados offshore do mundo en 2009.

A taxa de substitución de reservas do Upstream de Repsol incrementouse ata alcanzar o 94% dende o 65% en 2008, como consecuencia da incorporación de reservas por descubrimentos de exercicios anteriores. Repsol espera que durante 2010 a taxa de substitución de reservas en Upstream supere o listón do 100%.

A pesar do difícil ámbito económico-financeiro, os investimentos en Upstream ascenderon a 1.122 millóns de euros, en liña cos acometidos durante o exercicio anterior, co obxectivo de garantir o futuro da compañía.

Dos investimentos realizados, un 42% corresponderon a desenvolvemento de campos principalmente en Estados Unidos (41%), Trinidad e Tobago (22%) e Libia (10%). Os investimentos en exploración representaron un 48% do total e foron realizados fundamentalmente en Brasil (33%), España (18%), Estados Unidos (16%) e Alxeria (14%).

Récord de éxitos exploratorios

Repsol realizou o pasado exercicio a campaña exploratoria máis exitosa da súa historia. Dos 15 achados realizados pola compañía, Abaré Oeste en Brasil, Buckskin en Estados Unidos e Perla 1X en Venezuela sitúanse no top-ten dos máis importantes pozos offshore do mundo en 2009, incluído o maior descubrimento de gas da historia de Repsol. 

Na segunda metade de 2009, en Brasil, en augas profundas da conca de Santos, Repsol realizou un novo achado de cru e gas no bloque BM-S-9, o pozo denominado Abaré Oeste, un dos 10 maiores do mundo en 2009, e que se suma aos de Vampira, Panoramix, Piracucá e Iguazú, tamén na conca de Santos, e que foron anunciados no primeiro semestre de 2009. 

Tamén en Brasil, Repsol confirmou o alto potencial do pozo Guará tras efectuar as probas de produción que permiten estimar o volume recuperábel da área entre 1.100 e 2.000 millóns de barrís de cru lixeiro de alta calidade e de gas natural. Debido ao seu elevado potencial, decidiuse instalar en Guará unha plataforma para producir 120.000 barrís equivalentes de petróleo ao día, converténdose no segundo campo en entrar en produción de toda a área presalina da prolífera conca de Santos. 

En Venezuela, Repsol realizou o descubrimento de gas máis grande da historia da compañía. Os volumes recuperábeis de gas no pozo Perla 1X estimáronse entre 1.000 e 1.400 millóns de barrís equivalentes de petróleo. Perla 1X está tamén cualificado como un dos 10 maiores descubrimentos offshore do mundo do pasado ano.

No Golfo de México (Estados Unidos), ao descubrimento no primeiro semestre no pozo de Buckskin, tamén entre os 10 maiores do mundo en offshore, súmanse dous novos achados no campo de Shenzi nos pozos G109 e Shenzi-8 que apunta a existencia de importantes recursos de petróleo. A produción de petróleo e gas no campo Shenzi superou xa as súas expectativas iniciais nun 20%. 

Así mesmo, no mes de setembro Repsol anunciou o primeiro descubrimento de hidrocarburos en augas de Serra Leoa, o que demostra o potencial dunha zona que non fora explorada previamente.

Downstream: Mellora o negocio do Márketing

resultado de explotación do exercicio 2009 ascendeu a 1.022 millóns de euros, o que supón un descenso do 2,5% fronte a 2008, a pesar da caída das marxes de refino, que pasaron de 7,4 dólares por barril en 2008 a 1,3 dólares por barril en 2009. O impacto contábel do efecto inventario e o mellor comportamento do negocio de márketing compensaron parcialmente o efecto das menores marxes de refino.

Os investimentos na área do Downstream durante 2009 alcanzaron os 1.649 millóns de euros, e destináronse fundamentalmente aos proxectos de ampliación e conversión das refinarías de Cartaxena e Bilbao. A posta en marcha da ampliación da refinaría de Cartaxena permitirá mellorar a marxe de refino da instalación en aproximadamente 5 dólares por barril.

Adicionalmente, ambas as dúas refinarías incrementarán a capacidade de produción de destilados medios, fundamentalmente diésel, contribuíndo así a reducir as importacións deste combustíbel en España.

Durante 2009 as marxes da petroquímica mantivéronse excepcionalmente baixas, non obstante no cuarto trimestre do ano as vendas de produtos melloraron nun 24% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, apuntan a unha recuperación do negocio no 2010.

YPF: O resultado de explotación alcanza 1.021 millóns de euros

resultado de explotación de YPF alcanzou os 1.021 millóns de euros, un 11,9% menos que no exercicio 2008. O incremento dos prezos no mercado local, a achega de Petróleo Plus e o aforro de custos compensaron parcialmente os menores ingresos provenientes daqueles produtos que, se ben vendidos no mercado interno, o seu prezo está relacionado coa cotización internacional, así como os efectos dos menores ingresos derivados de exportacións e do menor prezo do gas.

No cuarto trimestre YPF aplicou incrementos nos prezos de carburantes que, sumados ao aumento de ingresos por exportacións e polos produtos referenciados a cotización internacional vendidos no mercado local, contribuíron á mellora dun 216,8% no resultado operativo respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
  
Os investimentos de YPF en 2009 ascenderon a 956 millóns de euros que se destinaron nun 66,8% a proxectos de desenvolvemento en Exploración e Produción.

Gas Natural SDG medra un 34,8%

resultado de explotación de Gas Natural SDG en 2009 ascendeu a 748 millóns de euros, fronte aos 555 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento do 34,8%.

Este aumento produciuse fundamentalmente pola incorporación aos resultados da gasista do 100% de Unión Fenosa dende o 30 de abril de 2009. Este fito supón ademais un salto na estratexia de crecemento de Gas Natural, que se adianta no cumprimento dos seus obxectivos estratéxicos.

Táboas de resultados


 

Fitos de exercicio

  • Repsol multiplicará por 7 a súa produción no bloque Caipipendi en Bolivia      

O presidente de Repsol e o presidente de Bolivia acordaron o pasado novembro o desenvolvemento do bloque Caipipendi, que multiplicará por sete a súa produción de gas nos próximos cinco anos, ata alcanzar un total de 14 millóns de metros cúbicos diarios. Repsol investirá uns 400 millóns de euros ata 2013 no seu desenvolvemento. O bloque Caipipendi, cuns recursos totais de 3,7 Tcfs (tres anos de consumo de gas en España), é un dos maiores proxectos enerxéticos de Latinoamérica. Este bloque comprende os megacampos de Margarita e Huacaya, este último considerado un dos 5 maiores descubrimentos de gas do mundo en 2008.

  • Shenzi supera as súas expectativas iniciais de produción nun 20%     

Repsol e os seus socios anunciaron o 30 de outubro o achado de dous novos reservorios no campo Shenzi, en augas profundas do golfo de México. Os achados efectuados nos pozos Shenzi-G104 e Shenzi-8, confirman o alto potencial do campo, no que se están producindo 134.000 barrís de petróleo/día, un 20% máis da capacidade inicialmente esperada. Repsol comezou a produción de petróleo e gas no campo Shenzi a finais de marzo de 2009. O golfo de México é considerado como unha das zonas máis rendíbeis de augas profundas, e cumpre co obxectivo de Repsol de incrementar a súa presenza en países OCDE.

  • Perla 1X en Venezuela confírmase como o maior achado de gas na historia de Repsol     

O 16 de de outubro, Repsol confirmou en Venezuela o maior descubrimento de gas da súa historia e o máis grande xamais realizado nese país. As probas de produción realizadas no campo Perla 1X, descuberto en setembro de 2009, deron como resultado un caudal de 570.000 metros cúbicos de gas/día e 620 barrís de cru/día, o que confirma que o depósito podería albergar volumes recuperábeis de gas de entre 1.000 e 1.400 millóns de barrís equivalentes de petróleo. Este descubrimento foi cualificado polo servizo de información especializada de hidrocarburos IHS como un dos dez maiores realizados no mundo durante 2009.  

  • Resolto o contencioso Gassi Touil      

O 27 de novembro, o Tribunal Arbitral puxo fin á controversia entre Repsol-Gas Natural e Sonatrach sobre a terminación do contrato relativo ao proxecto integrado Gassi Touil, adxudicado en 2004. O laudo ditado polo Tribunal declarou terminado o citado contrato conforme ás súas cláusulas, sen obrigar a ningunha das partes a indemnizar á outra, e ordenou a Sonatrach a compra ás compañías españolas da súa participación na sociedade conxunta encargada do proceso de licuefacción do proxecto Gassi Touil, e o pagamento dun prezo igual á tesouraría da devandita sociedade no momento da resolución do contrato.

  • Repsol e o Ente Vasco da Enerxía acordan a creación dunha rede de recarga de vehículo eléctricos en Euskadi     

O presidente de Repsol e o Conselleiro de Industria e Enerxía do País Vasco asinaron en outubro pasado un acordo para o desenvolvemento conxunto dunha rede de recarga de vehículos eléctricos no ámbito da Comunidade Autónoma de Euskadi. O acordo estabelece unha fase inicial para realizar os estudos necesarios que analicen a viabilidade dos posíbeis sistemas de recarga de baterías e substitución rápida destas nos vehículos eléctricos. Posteriormente, elaboraranse as especificacións técnicas das solucións seleccionadas e determinaranse as localizacións máis apropiadas para desenvolver unha rede de recarga para vehículos eléctricos. Con este acordo, Repsol contribúe á garantía de subministración con combustíbeis máis eficientes en termos de custo e que contribúan á sostibilidade e ao logro dos obxectivos ambientais globais.

  • Clausura do Proxecto PIIBE para o impulso do biodiésel en España     

Repsol participou no proxecto PIIBE (Proxecto de Investigación para o Impulso do Biodiésel en España), promovido polo Ministerio de Ciencia e Innovación. No proxecto, que tivo unha duración de 4 anos, participaron 15 empresas de diferentes sectores industriais e 23 centros de I+D, e contou cun presuposto de 23 millóns de euros destinados ao desenvolvemento de tecnoloxía para o fomento dos biocombustíbeis como parte da estratexia de diversificación enerxética europea e de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Grazas a esta iniciativa, España sitúase na vangarda da I+D+i no ámbito do biodiésel.

  • Antonio Brufau inaugura a primeira terminal de gas natural licuado en Canadá     

O 25 de setembro inaugurouse en Canadá a planta de regasificación Canaport LNG, culminou así o primeiro dos dez proxectos estratéxicos da compañía enmarcados no Plan Estratéxico 2008-2012. Canaport LNG, a primeira terminal de GNL construída na costa leste de Norteamérica en 30 anos e a primeira en Canadá, ten unha capacidade de 1 Bcf/día, suficiente para subministrar a 5 millóns de fogares, supón a entrada de Repsol no mercado de gas norteamericano.

  • Primeiro achado en augas profundas de Serra Leoa     

O 17 de setembro Repsol e os seus socios Anadarko, Woodside e Tullow realizaron o primeiro descubrimento de hidrocarburos en augas de Serra Leoa, o décimo quinto descubrimento da compañía no ano. O descubrimento realizouse no pozo Venus B-1 do bloque SL 6/07, cunha profundidade total de 5.638 metros, nunha lámina de auga de 1.798 metros. Venus é a primeira sondaxe na conca de Serra Leoa-Liberia.

  • Abaré Oeste, un novo descubrimento na conca de Santos en Brasil     

O 15 de setembro Repsol anunciou un novo achado de cru e gas no bloque BM-S9, en augas profundas da conca de Santos. O descubrimento tivo lugar no pozo 4-SPS-66C, denominado Abaré Oeste, localizado na área de avaliación Carioca, a 290 km da costa de São Paulo, en lámina de auga de 2.163 metros. Estanse realizando as probas necesarias para determinar a calidade e o tamaño do pozo.

  • O campo de Guará en Brasil acumula entre 1.100 e 2.000 millóns de barrís     

Repsol e os seus socios Petrobras e British Gas (BG Group) anunciaron o pasado 9 de setembro as primeiras probas de produción no pozo Guará, en augas profundas da conca de Santos en Brasil, permiten estimar o volume recuperábel da área entre 1.100 e 2.000 millóns de barrís de cru lixeiro de alta calidade e de gas natural, o que equivale a dous anos de consumo de petróleo e gas en España. Debido ao alto potencial do campo, o consorcio decidiu instalar en Guará unha plataforma para producir 120.000 bep/d, converténdose no segundo campo en entrar en produción de toda a área presalina da conca de Santos.

  • Vampira, un novo achado en Brasil     

O 28 de xullo Repsol confirmou a existencia de indicios de cru moi lixeiro e gas no pozo Vampira, situado no bloque S-M-789 da área BM-S-48 a pouco menos de 200 quilómetros da costa do estado de São Paulo, e en profundidades de auga de 140 metros na conca de Santos. Repsol é o operador do bloque cun 40% de participación, no que ten como socios a Petrobras (35%), Vale (12,5%) e Woodside (12,5%). Actualmente estanse realizando traballos adicionais para estabelecer os resultados definitivos sobre a calidade e cantidade de hidrocarburos.

  • Dous novos descubrimentos no Mediterráneo español     

O 1 de xullo, Repsol anunciou dous novos descubrimentos offshore de petróleo no Mediterráneo español, nos pozos Montanazo D-5 e Lubina-1, a 45 quilómetros das costas de Tarragona, que multiplicarán por catro a produción de petróleo en España. Repsol é o operador do primeiro destes descubrimentos, cunha participación do 75% no consorcio, no que tamén participan Gas Natural cun 17,7% e Cepsa cun 7,3%. No segundo achado Repsol é, ademais do operador, o único titular. As probas de produción botan caudais de cru lixeiro de 3.800 bbl/día para Montanazo D-5 e de 3.700 bbl/día para Lubina-1. As primeiras estimacións dan unha vida a Montanazo e Lubina de entre 5 e 7 anos e aumentan o período de produción de todos os campos da área. Ambos os dous están próximos á plataforma de produción Casablanca, á que se conectarán para que o cru sexa procesado e transportado.

  • Avances nas ampliacións das refinarías de Cartaxena e Bilbao     

O 18 de maio chegaron a Cartaxena os tres reactores destinados ás novas unidades de ampliación da refinaría. Ao longo de 2009, realizáronse grandes avances na obra civil e na construción de estruturas metálicas de soporte de canalizacións. A ampliación da refinaría de Cartaxena, con 32.000 millóns de euros de investimento, é un dos proxectos clave de crecemento de Repsol, e o maior investimento industrial realizado en España.

Polo que se refire á refinaría de Petronor en Bilbao, a construción de novas unidades para reducir a produción de fuel, (Proxecto URF) comezada a mediados do mes de marzo, avanzou de acordo co previsto na obra civil, estrutura metálica e inicios de montaxe mecánica.  

  • Panoramix, gas e condensado en augas superficiais de Brasil      

O 11 de maio Repsol anunciou o descubrimento de gas e condensado en augas superficiais da conca de Santos brasileira. As primeiras probas realizadas deron un caudal de gas de 378.600 metros cúbicos/día e 1.570 bpd de condensado. Repsol participa cun 40% no consorcio descubridor do que ademais é o operador. 

  • Primeiro descubrimento off-shore en Libia     

Repsol realizou o pasado 21 de abril o seu primeiro descubrimento offshore de hidrocarburos na costa de Libia, país no que é o maior operador estranxeiro e no que a compañía ten unha importante presenza. Con este achado, a compañía reforza a súa posición como primeira petroleira privada en Libia. O pozo, que alcanzou unha profundidade de 4.820 metros, cunha lámina de auga duns 50 metros, é o primeiro realizado no bloque NC 202 situado na conca de Sirte, a uns 15 km da costa, cuxa concesión adxudicou NOC a Repsol e aos seus socios en novembro de 2003.

  • Piracucá e Iguazú, a conca de Santos en Brasil confirma o seu potencial     

Repsol e Petrobrás confirmaron o 13 de abril ás autoridades brasileiras a viabilidade económica do descubrimento Piracucá, realizado no mes de xaneiro no bloque BM-S-7, en augas superficiais da conca de Santos brasileira. Trátase dun depósito de cru lixeiro e gas, cun volume preliminar "in situ" estimado en 550 millóns de barrís equivalentes. Tan só dous días despois, o 15 de abril, Repsol anunciou un novo descubrimento na mesma conca de Santos. O pozo, denominado Iguazú, sitúase na área BM-S-9, a 340 quilómetros da costa do estado de São Paulo, e en profundidades de auga de 2.140 metros. Esta é a mesma área de avaliación na que se atopan os megacampos de Carioca e Guará. Repsol participa cun 25% no consorcio descubridor.

  • Descubrimento de gas en augas de Marrocos     

O 30 de marzo Repsol realizou un descubrimento de gas na zona exploratoria de Tánxer-Larache, a 40 quilómetros da costa de Marrocos. O achado consiste en dúas columnas de gas que suman 90 metros no pozo denominado Anchois-1, a unha profundidade de 2.359 metros. Repsol, cunha participación do 36%, é a operadora do consorcio descubridor.

  • Buckskin, un novo e importante descubrimento no golfo de México     

Repsol comunicou o 6 de febreiro o descubrimento de petróleo no pozo submarino Buckskin, en augas estadounidenses do golfo de México, a 300 quilómetros da costa de Houston. Repsol é o operador exploratorio do depósito, adxacente e cunha estrutura xeolóxica similar ao campo Jack, operado pola petroleira Chevron, que apunta a existencia de importantes recursos de petróleo lixeiro e doce.

Outros feitos destacados

  • Galardón da Cámara de Comercio de Estados Unidos     

O presidente da compañía, Antonio Brufau, foi galardoado o pasado 18 de decembro pola súa contribución ao desenvolvemento dunha Repsol máis ética, máis internacionalizada e máis sostíbel. O premio recoñece o labor internacional de dirixentes empresariais que contribuísen a unha globalización económica responsábel. A Cámara destacou o enorme respecto que Repsol gañou en EE.UU e a súa contribución á loita contra o cambio climático.

  • Repsol, Premio Platts á "Mellor Tecnoloxía Comercial do Ano"     

Repsol recibiu o 4 de decembro o premio á "Mellor Tecnoloxía Comercial do Ano" outorgado por Platts, a prestixiosa axencia internacional especializada en noticias do sector enerxético, polo seu Proxecto Calidoscopio para a exploración de hidrocarburos.
O proxecto Caleidoscopio, desenvolvido por Repsol xunto con IBM, 3DGeo, a Universidade de Stanford e o Centro Nacional de Supercomputación de Barcelona, permite xerar imaxes sísmicas de prospección máis nítidas e procesalas 15 veces máis rápido que con outras tecnoloxías menos avanzadas. Isto acurta o tempo de exploración e incrementa as probabilidades de éxito á hora de perforar pozos, reduce a incerteza na busca do petróleo e gas a miles de metros baixo o subsolo.

  • Repsol, líder en transparencia segundo o índice Dow Jones     

A principios de setembro publicáronse os prestixiosos índices de sostibilidade global DJSI World (Dow Jones Sustainability Index World) e europeo DJSI STOXX, (Dow Jones Sustainability Index STOXX) para 2009, dos que Repsol forma parte polos seus comportamentos en sostibilidade, unha vez máis, e por cuarto ano consecutivo. A compañía foi cualificada como "Best in Class" do sector na dimensión social e alcanzou novamente a máxima puntuación do índice en transparencia, desenvolvemento de capital humano e impacto social en comunidades, e obtivo ademais, por primeira vez, a máxima cualificación en estratexia fronte ao cambio climático, biodiversidade e información do desempeño social.

  • Repsol, a "Mellor Compañía Enerxética do Mundo en 2008", segundo Petroleum Economist     

Repsol gañou o premio "Compañía Enerxética do Ano" outorgado pola prestixiosa publicación Petroleum Economist o pasado 2 de setembro, en recoñecemento aos logros da compañía durante 2008, principalmente o deseño e desenvolvemento do seu Plan Estratéxico. O pesidente da compañía, Antonio Brufau, situouse entre os finalistas ao premio Executivo do Ano, o que supón o recoñecemento á súa xestión dende o seu nomeamento en outubro de 2004 á fronte de Repsol. Repsol foi a única compañía española nominada para estes galardóns.

  • Premio a Mellor Empresa Española do Ibex-35 pola súa información no web     

Repsol recibiu o 24 de xuño o premio á Empresa Española con Mellor Información Financeira en Internet na VIII Edición dos Premios anuais, que outorga a Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA), na modalidade de empresas do Ibex-35. Os Premios AECA recoñecen a importancia das novas tecnoloxías para o desenvolvemento dun mercado de información máis eficiente. Trátase da cuarta ocasión na que Repsol é premiada pola AECA, as anteriores ocasións corresponden ás edicións de 2005, 2006 e 2007.

  • A política de integración de persoas con discapacidade de Repsol, Premio da Fundación Empresa e Sociedade     

Repsol recibiu o 16 de xuño o premio da Fundación Empresa e Sociedade na modalidade de Discapacidade, por ser a compañía que máis emprego crea para persoas con capacidades diferentes. Estes premios recoñecen as mellores actuacións empresariais de integración de persoas desfavorecidas. 

Repsol conta con máis de 544 empregados con discapacidade, máis do 2% do seu actual cadro de persoal, e cun modelo propio de Accesibilidade Global implantado nas dúas únicas estacións de servizo en España certificadas en Accesibilidade Global por AENOR.

Este documento contén información e afirmacións ou declaracións que constitúen estimacións ou proxeccións de futuro sobre Repsol YPF. As devanditas estimacións ou proxeccións poden incluír declaracións sobre plans, obxectivos e expectativas actuais, incluíndo declaracións en relación con tendencias que afecten á situación financeira de Repsol YPF, proporcións financeiras, resultados operativos, negocios, estratexia, concentración xeográfica, volumes de produción e reservas, así como plans, expectativas ou obxectivos de Repsol YPF respecto de gastos de capital, negocios, estratexia, concentración xeográfica, aforros de custos, investimentos e políticas de dividendos. As devanditas estimacións ou proxeccións poden incluír tamén asuncións sobre futuras condicións de tipo económico ou de calquera outro tipo, tales como os futuros prezos do cru ou outros prezos, marxes de refino ou márketing e tipos de cambio. As estimacións ou proxeccións de futuro identifícanse xeralmente polo uso de termos como "espera", "anticipa", "prognostica", "cre", "estima", "aprecia" e expresións similares. As devanditas declaracións non constitúen garantías dun futuro cumprimento, prezos, marxes, tipos de cambio ou de calquera outro suceso, e encóntranse suxeitas a riscos significativos, incertezas, cambios e outros factores que poden estar fóra do control de Repsol YPF ou que poden ser difíciles de prever. Entre tales riscos e incertezas están aqueles factores identificados nos documentos rexistrados por Repsol YPF e as súas filiais na Comisión Nacional do Mercado de Valores en España, na Comisión Nacional de Valores en Arxentina e na Securities and Exchange Commission dos Estados Unidos de América. 

Salvo na medida que o requira a lei aplicábel, Repsol YPF non asume ningunha obriga -aínda cando se publiquen novos datos ou se produzan novos feitos- de informar publicamente da actualización ou revisión destas manifestacións de futuro.




Buscador de Prensa

Titulares no teu móbil
  • Glosario

          

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.