A Fundación Repsol entregou nas localidades de Erfoud e Hassi Labiad, ao sueste de Marrocos, cadeiras de rodas, muletas e triciclos adaptados para que 200 persoas con discapacidades graves poidan recuperar unha mobilidade que estaba agravada pola súa escaseza de recursos.
Para a rexión de Er Rachidia, unha das zonas economicamente máis deprimidas de Marrocos, o paso do Rallye Dakar era sempre un acontecemento esperado pola súa poboación, xa que lle permitía obter unha serie de recursos materiais que, debido á cancelación da proba, deixaron de recibir. Foi precisamente o vínculo estabelecido entre Repsol e a poboación de Er Rachidia durante a celebración do Rallye o que impulsou á compañía a promover a acción "Volver Vivir, Proxecto en África", coa axuda e implicación de diversas entidades locais.
Neste sentido, a Fundación Repsol traballou con dúas premisas básicas á hora de realizar a acción. Por unha banda, ocupouse de que as cadeiras de rodas, triciclos adaptados e muletas se entregasen directamente ás persoas que necesitaban a axuda, prescindindo de intermediarios. En segundo lugar, quíxose que todo o material fose novo e que cumprise coas normas de calidade que garanten unha longa vida útil dos produtos.
Implicación e apoio dos pilotos Repsol
A Fundación Repsol contou coa participación para a entrega do material de tres pilotos Repsol: Laia Sanz, campioa do mundo de trial; Jaime Alguersuari, campión da Fórmula 3 británica; e Jordi Gené, campión por equipos do Mundial de Turismos.
Dende Chile, onde se atopa actualmente a caravana do Rallye Dakar, Nani Roma e Marc Coma, que coñecen ben as necesidades da rexión de Er Rachidia, un dos seus lugares habituais de adestramento, non dubidaron en sumarse á iniciativa da Fundación. Os pilotos Repsol mostraron o seu pleno apoio á iniciativa da compañía e á súa vontade de non esquecerse de África.
DECLARACIÓNS:
Javier Inclán, director da Fundación Repsol
"Cando hai agora un ano suspendeuse o Dakar, dende Repsol pensamos que o movemento solidario con África non podía rematar. Hoxe fixemos realidade esta axuda nunha zona de Marrocos onde hai unha poboación cunhas necesidades que superan o admisíbel en pleno século XXI. Con esta acción, o que demostramos é que todo o movemento do Dakar, ese espírito solidario que se tiña con África, se mantén e que, aínda que a carreira discorra este ano por Arxentina e Chile, dende a Fundación Repsol imos seguir apoiando a África e imos pensar que toda esta poboación, que dependía en boa parte do Dakar, vai ter sempre a axuda de compañías que pensan que a Responsabilidade Social é tan importante para o seu código xenético como pode selo a propia competición".
Nani Roma, piloto do equipo Repsol Mitsubishi Ralliart
"Esta acción demostra que hai xente en Repsol que pensa que non hai que esquecerse de África. Eu mesmo, a través da Fundación Nani Roma, sigo facendo cousas nese continente. Calquera axuda agradécese. Moita xente cre que Repsol e, en xeral, as grandes empresas só están polo negocio. Pero hai xente nesa casa que axuda aos demais. E iso é xenial. Oxalá houbese máis empresas como Repsol que levasen axuda a África. Tamén quero aproveitar para saudar a xente de Er Rachidia e a xente de África. Espero poder saudalos moi pronto".
Marc Coma, piloto do equipo Repsol KTM
"A Fundación Repsol tivo unha idea moi boa, que é demostrar que non nos esquecemos de África. Sobre todo dun lugar tan especial como Er Rachidia, coñecido por nós porque adestramos moito alí e temos moitos amigos. Todo o que sexa achegar o noso graniño de area a axudar a esta xente é fantástico. O máis importante, a idea en xeral, é que non nos esquecemos de África e que quede claro que hai xente que se preocupa polos demais. Moitos pensan que as empresas como Repsol só se preocupan polos negocios, pero deben saber que non sempre é así, que tamén hai recursos e tempo para axudar aos demais. Moitos ánimos á xente de Er Rachidia e esperamos volver alí moi pronto".
Laia Sanz, campioa do mundo de trial
"Foi moi positivo vir aquí, porque despois de tantos anos co Dakar pasando por esta zona, os seus habitantes dependían bastante de todas as axudas que lles chegaban a través do Rallye. Se xa é difícil vivir cunha discapacidade en España, aquí, nesta rexión de Marrocos, é moito máis duro. Traer este material para eles significa mellorar moitísimo a súa calidade de vida".
Jaime Alguersuari, campión da Fórmula 3 británica
"Estou moi impresionado e orgulloso porque a África vin moi pouco e esta vez viaxei para axudar a esta xente que realmente parece moi necesitada da man da Fundación Repsol. Estar aquí axúdache a entender o que tes e a valorar a túa vida. Ves outro planeta, outro mundo que está tan preto da túa casa que non podes imaxinar como vive esta xente. Espero volver pronto e axudar un pouco máis".
Jordi Gené, campión por equipos do Mundial de Turismos
"Vivín unha experiencia moi enriquecedora. É importante que a xente se decate de que en países coma este non só vimos a pasalo ben e disputar probas, senón que hai necesidades moi básicas nas que podemos axudar con moi pouco. Que Repsol impulse unha acción deste tipo fala moi ben da súa filosofía: non nos esquecemos de África. É unha boa proba de que o fan porque realmente senten estas ganas de colaborar coa xente de aquí, que valora moito estas axudas. Que unha marca como Repsol se implique e queira axudar aos máis desfavorecidos de Er Rachidia, precisamente cando o Dakar xa non pasa por aquí, dá fe de que se fai con moi boas intencións".
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.