Repsol alcanzou un acordo para a compra da compañía rusa Open Joint Stock Company Eurotek (Eurotek), que posúe as licenzas de exploración e produción en Siberia Occidental. A transacción conta coa aprobación do Servizo Federal Antimonopolio da Federación Rusa.
Segundo o acordo, Repsol pagará aproximadamente 230 millóns de dólares pola compra de Eurotek, libre de débeda. Entre os activos adquiridos encóntranse as licenzas dos campos de gas Syskonsyninskoye (SK), en fase de desenvolvemento moi avanzada e que entrará en produción en 2012, e Yuzhno-Khadyryakhinskoye (YK), que está na última fase de delineación e podería empezar a producir en 2016.
Repsol incorporará en 2012 estes activos, ao valor da adquisición, a AROG, a sociedade conxunta con Alliance Oil, como parte do seu compromiso de achegar activos e capital á devandita joint venture, valorada en aproximadamente 840 millóns de dólares. AROG está participada por Alliance, cun 51%, e por Repsol, que ten o restante 49%. Barclays Capital e DLA Piper actuaron como asesores de Repsol na compra de Eurotek.
Os campos YK e SK, achegados por Repsol, engadirán a AROG reservas 2P (probadas e probables)
por uns 115 millóns de barrís equivalentes de petróleo, que se suman aos 171,5 millóns de
barrís de petróleo incorporados por Alliance á joint venture a través das súas filiais de upstream
Saneco e Tatnefteodatcha.
Repsol posúe un 3,5% do conxunto de accionistas de Alliance Oil como resultado da fusión de West Siberian Resources, na que Repsol posuía un
10% do capital, e a enerxética rusa en 2008.
Este documento non constitúe unha oferta ou convite para adquirir ou subscribir accións, de acordo co establecido na Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores e na normativa que a desenvolva. Así mesmo, este documento non constitúe unha oferta de compra, de venda ou de troco nin unha solicitude dunha oferta de compra, de venda ou de troco de títulos valores en ningunha outra xurisdición. |
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.