Repsol e a petroleira estadounidense SandRidge Energy acadaron un acordo polo cal Repsol adquire, aproximadamente, 1.500 km2 do vasto depósito Missisippian Lime, situado nunha zona rica en petróleo lixeiro e gas. O investimento de Repsol será de 1.000 millóns de dólares, e supón a incorporación de produción e reservas a partir do 2012.
A participación de Repsol será do 16% e do 25% en dúas áreas dentro do depósito Mississippian Lime, situado entre os estados de Oklahoma e Kansas, Estados Unidos. Espérase que a produción de Repsol acade un pico de 90.000 barrís de petróleo equivalente ao día en 2019.
O acordo establece que Repsol realizará un pagamento inicial de 250 millóns de dólares ao peche da operación e o resto ao longo de aproximadamente 3 anos. A compañía prevé perforar máis de 200 pozos horizontais durante 2012 e superar os 1.000 en 2014, nunha superficie de 6.900 km2 rica en carbonatos fracturados.
Missisippian Lime é un depósito cunha elevada produción histórica e recursos probados, rico en petróleo lixeiro e gas que se produce a partir de carbonatos fracturados. Existe unha extensa infraestrutura na área que opera dende hai máis de 30 anos, e que permitirá acelerar a posta en produción e a comercialización destes hidrocarburos.
A operación enmárcase na estratexia de Repsol de diversificación xeográfica cara a países OCDE. A compañía desenvolve en Estados Unidos distintos proxectos clave do seu plan estratéxico Horizonte 2014, como a exploración de hidrocarburos no Golfo de México. Tamén realiza actividades en Alasca e conta cunha terminal de importación de gas na fronteira de Estados Unidos con Canadá.
SandRidge Energy
SandRidge Energy, Inc, é unha compañía de petróleo e gas natural con sede na cidade de Oklahoma, Oklahoma, que desenvolve actividades de exploración e produción, principalmente. SandRidge e as súas filiais realizan operacións de produción e comercialización de petróleo, e posúen e operan instalacións de procesamento e almacenamento de gas, así como de tratamento e transporte de CO2. SandRidge centra as súas actividades de exploración e produción na conca Permian, Mid-Continent, oeste de Texas Overthrust, Costa do Golfo e do Golfo de México. Máis información en http://www.sandridgeenergy.com/

Este documento non constitúe unha oferta ou convite para adquirir ou subscribir accións, de acordo co establecido na Lei 24/1988, do 28 de xullo, do Mercado de Valores e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, este documento non constitúe unha oferta de compra, de venda ou de troco nin unha solicitude dunha oferta de compra, de venda ou de troco de títulos valores en ningunha outra xurisdición.
Este documento contén información e afirmacións ou declaracións que constitúen estimacións ou proxeccións de futuro sobre Repsol YPF. As devanditas estimacións ou proxeccións poden incluír declaracións sobre plans, obxectivos e expectativas actuais, incluíndo declaracións en relación con tendencias que afecten á situación financeira de Repsol YPF, ratios financeiros, resultados operativos, negocios, estratexia, concentración xeográfica, volumes de produción e reservas, gastos de capital, aforros de custos, investimentos e políticas de dividendos.
As devanditas estimacións ou proxeccións poden incluír tamén asuncións sobre futuras condicións de tipo económico ou de calquera outro tipo, tales como os futuros prezos do cru ou outros prezos, marxes de refinamento ou mercadotecnia e tipos de cambio. As estimacións ou proxeccións de futuro identifícanse xeralmente polo uso de termos como "espera", "anticipa", "prognostica", "cre", "estima", "aprecia" e expresións similares. As devanditas declaracións non constitúen garantías dun futuro cumprimento, prezos, marxes, tipos de cambio ou de calquera outro suceso, e encóntranse suxeitas a riscos significativos, incertezas, cambios e outros factores que poden estar fóra do control de Repsol YPF ou que poden ser difíciles de prever. Entre tales riscos e incertezas están aqueles factores identificados nos documentos rexistrados por Repsol YPF e as súas filiais na Comisión Nacional do Mercado de Valores en España, na Comisión Nacional de Valores en Arxentina, na Securities and Exchange Commission dos Estados Unidos de América e no resto de autoridades supervisoras dos mercados nos que se negocian os valores emitidos por Repsol YPF e/ou as súas filiais.
Agás na medida que o requira a lei aplicable, Repsol YPF non asume ningunha obriga -aínda cando se publiquen novos datos ou se produzan novos feitos- de informar publicamente da actualización ou revisión destas manifestacións de futuro.
A información incluída neste documento non foi verificada nin revisada polos auditores externos de Repsol YPF.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.