A súa alteza real o príncipe de Asturias inaugurou hoxe a ampliación da refinaría de Repsol en Cartagena, o maior investimento industrial da historia de España. O presidente de Repsol, Antonio Brufau, acompañou a don Filipe nun acto no que tamén estiveron presentes o ministro de Industria, José Manuel Soria, e o presidente da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia, Ramón Luís Valcárcel, entre outras autoridades.
A ampliación da refinaría de Cartagena, á que se destinaron 3.150 millóns de euros, é o maior investimento industrial da historia de España e un dos proxectos clave na estratexia de Repsol. Permitirá mellorar a balanza comercial de España, xa que reducirá de xeito considerábel a importación de combustíbeis de automoción.
A explotación da nova refinaría supón a creación de 800 postos de traballo propios e outros 800 en empresas contratistas, ademais dun emprego inducido estimado en máis de 8.000 persoas. Nas obras de ampliación participaron unhas 20.000 persoas, con máximos diarios de máis de 7.700 traballadores.
No seu discurso, Antonio Brufau afirmou que a nova refinaría é un referente en sostibilidade ambiental, seguridade e aforro enerxético. "Este proxecto exemplifica o espírito de Repsol. Unha refinaría que non tería soportado esta crise que padecemos dende 2008, converteuse nunha instalación pioneira. En lugar de perder postos de traballo, creáronse", afirmou o presidente de Repsol.
Tras descubrir unha placa conmemorativa, o príncipe de Asturias visitou as novas unidades da refinaría, que duplican a súa capacidade de produción, ata acadar os 11 millóns de toneladas anuais (220.000 barrís ao día), o 50% das cales serán destilados medios, sobre todo gasóleos. Este proxecto, xunto co levado a cabo na refinaría de Petronor (Biscaia), sitúa a Repsol entre as empresas europeas con mellor esquema de produción.
As novas instalacións permiten a obtención de combustíbeis limpos para o transporte, impulsando o uso de biocarburantes, e maximizan a eficiencia enerxética no proceso de produción. Coa posta en marcha das novas unidades, a refinaría de Cartagena convértese nunha das máis modernas e con maior capacidade de conversión do mundo. Ademais, tamén se sitúa entre as máis eficientes de Europa a nivel enerxético e ambiental.