Repsol foi galardoada co Ability Award á "Mellor empresa privada" en recoñecemento á súa achega global e significativa no desenvolvemento e inclusión laboral de persoas con discapacidade.
O obxectivo dos Ability Awards é recoñecer publicamente aquelas empresas e institucións españolas que desenvolven modelos de negocio sostibles e que integran a discapacidade na súa cadea de valor, xa sexa con empregados, provedores ou clientes. A través dos Ability Awards danse a coñecer as accións e boas prácticas que se realizan en España nesta materia, co obxecto de lograr os mellores estándares.
Antonio Brufau, presidente de Repsol, recolleu o premio en presenza da S.M. a Raíña Dona Sofía nun acto celebrado onte en Madrid, ao que tamén asistiron numerosas personalidades políticas e empresariais, e representantes de institucións e medios de comunicación.
Brufau expresou a súa satisfacción e orgullo polo premio recibido, que "responde á convicción de Repsol de que a incorporación de persoas con discapacidade só pode achegar beneficios. No balance entre o que demos e o que recibimos, sen lugar a dúbidas recibimos moito máis e é absolutamente positivo".
O presidente de Repsol anunciou na súa alocución que a compañía aceptou formar parte do órgano asesor que se está a formar no marco dun dos Programas de Traballo da Unión Europea, que contempla a cooperación con Latinoamérica para analizar as iniciativas e políticas na empregabilidade de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión.
O compromiso de Repsol
Repsol traballa de forma activa dende 2005 na integración de persoas con discapacidade, facilitando a súa incorporación nos cadros de persoal e a formación necesaria, así como a sensibilización do resto dos empregados.
Na actualidade, a compañía conta en España con 358 persoas con capacidades diferentes no seu cadro de persoal, o 22% en postos técnicos cualificados, e impartiu máis de 30 cursos de formación ocupacional nos últimos 4 anos, dirixidos a 480 profesionais con discapacidade.
Repsol tamén é referente entre as empresas españolas polo seu continuo esforzo para manter os estándares de accesibilidade nas estacións de servizo e oficinas propias, e por abordar a integración dende unha perspectiva transversal, cun grupo de traballo multidisciplinar (persoas e organización, compras, accesibilidade, prevención, servizos médicos etc.), que lle permite incorporalas á dinámica habitual da empresa.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.