A refinaría de Repsol A Coruña é a primeira do mundo en obter a ISO 50001 de Xestión Enerxética - repsol.com

Repsol

Logo Repsol

Ruta

Certificado por Lloyd´s Register Quality Assurance

A refinaría de Repsol A Coruña é a primeira do mundo en obter a ISO 50001 de Xestión Enerxética

  • A nova norma mundial publicouse o pasado 15 de xuño e substituirá a europea EN-16001, incorporando algúns requisitos adicionais.
  • O complexo coruñés, xa se certificara no pasado mes de maio na norma europea EN-16001, o que a erixiu nunha das primeiras refinarías de Europa e a primeira de Repsol en alcanzar este recoñecemento.
  • O Sistema de Xestión Enerxética mellora o control de consumos e custos enerxéticos, e facilita unha aplicación áxil de oportunidades de aforro, contribuíndo polo tanto á redución de emisións de CO2.

Nota de Prensa

13 de setembro de 2011 12:07 CET

A refinaría de Repsol na Coruña ve recoñecido novamente o seu labor en xestión enerxética ao obter o certificado ISO 50001, e convértese así na primeira do mundo en alcanzar esta certificación. Previamente, o complexo coruñés xa se certificara o pasado mes de maio na norma europea EN-16001, o que a erixiu nunha das primeiras refinarías de Europa e a primeira de Repsol en alcanzar este recoñecemento.

O Sistema de Xestión Enerxética ten como obxectivo estabelecer os sistemas e procesos para mellorar a eficiencia enerxética, permitindo diminuír o consumo enerxético, reducindo custos e emisións de gases de efecto invernadoiro a través dunha xestión sistemática. Por esta razón, é fundamental dispoñer de ferramentas para identificar, analizar e aplicar oportunidades de aforro, así como monitorizar de forma eficiente tanto os consumos enerxéticos coma os procesos ou actividades relacionados.  

Para a obtención desta nova certificación ISO, a refinaría realizou o pasado 28 de xullo unha auditoría de transición da EN-16001 á ISO-50001, cuxo resultado foi favorábel e como consecuencia, Lloyd´s Register Quality Assurance (LRQA) certificou o Sistema de Xestión Enerxética do complexo industrial na nova norma mundial.

A rapidez na adaptación á nova norma foi posíbel grazas á madurez da forma de traballo en xestión enerxética que se levou a cabo na refinaría coruñesa dende hai moitos anos, foi nos dous últimos proxecto piloto para todo o grupo Repsol. Todo iso permitiu que o Sistema de Xestión Enerxética implantado inicialmente, superase os requisitos normativos. Desta forma, foi necesario unicamente realizar modificacións a nivel documental, posto que todos os requisitos adicionais xa se estaban aplicando no complexo.

Este proceder integra a xestión enerxética como parte intrínseca do traballo da refinaría e a partir desta certificación continuaranse estabelecendo as accións axeitadas para seguir avanzando; xa que representa unha oportunidade máis para continuar enriquecendo, innovando e mellorando a forma de traballar; é ademais un reflexo do traballo e da profesionalidade de todo o persoal do complexo industrial. 

Repsol sitúase así á vangarda do sector e mellora a súa competitividade e a súa eficiencia enerxética, polo que a experiencia servirá de referencia para estendela a outros centros da compañía.

Buscador de Prensa

Titulares no teu móbil
  • Glosario

          

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.