Estímase que as augas profundas e ultraprofundas do golfo de México e do presal brasileiro conteñen 100.000 millóns de barrís de petróleo. Iso si, baixo miles de metros de auga e grosas capas de sal. Cada pozo perforado nestas áreas custa entre 175 e 200 millóns de dólares. Polo tanto, obter as mellores imaxes do subsolo resulta clave para as empresas petroleiras á hora de calibrar os riscos. Así naceu o proxecto Caleidoscopio, para desenvolver técnicas avanzadas de procesado destas imaxes sísmicas en condicións extremas.
Calidoscopio: mirar ao subsolo co Hubble
A exploración submarina e subsalina en busca de hidrocarburos é un reto tecnolóxico e de enxeñaría comparábel aos desafíos da industria aeroespacial. Para explicalo, Francisco Ortigosa, Director de Xeofísica de Repsol, fai unha comparación entre a investigación astrofísica e a xeofísica: "o ceo é o mesmo para todos". Pero un pode achegarse ao ceo cuns prismáticos ou aproximarse co Hubble". Na exploración xeofísica acontece o mesmo,"a Terra é igual para todos e depende de con que ferramentas te aproximas para ver o subsolo".
Para afrontar este desafío, Repsol iniciou hai 4 anos o proxecto Caleidoscopio, centrado en desenvolver a última xeración de algoritmos matemáticos e os avances máis recentes en supercomputación para obter imaxes sísmicas de alta resolución, "o que nos permite ver no subsolo en zonas onde antes non se podía". Os resultados obtidos permiten á compañía procesar os datos 15 veces máis rápido que a competencia.
No proxecto Caleidoscopio traballa un equipo multidisciplinar de xeofísicos, xeólogos, matemáticos e expertos en Sistemas de Información, e é o resultado da colaboración con empresas privadas como IBM e centros públicos de investigación, coma o Centro Nacional de Supercomputación, o CSIC e a Universidade de Stanford (EUA). Caleidoscopio foi recoñecido a nivel mundial como un dos proxectos máis innovadores neste campo e as aplicacións para a industria do petróleo son tecnoloxía propiedade 100% de Repsol.
Las ecuaciones matemáticas capaces de procesar esta información exigían supercomputadores con tal capacidad de cálculo que se pensaba que era irrealizable
A exploración baseada na imaxe sísmica céntrase en obter imaxes tridimensionais de zonas superficiais da codia terrestre. Para explicalo Ortigosa acode de novo a unha comparación: "Nós facemos grandes ecografías do interior da terra". Para iso, uns barcos arrastran uns sensores chamados hidrófonos que reciben ondas acústicas xeradas por grandes canóns de aire comprimido. Estas ondas sofren reflexións e refraccións ao atravesar os diferentes estratos do subsolo e os seus tempos de traxecto son rexistrados. Eses datos sométense a un procesado informático que, empregando complexos algoritmos matemáticos, reconstrúe o perfil xeolóxico desa capa da codia terrestre.
Pero mentres que en medicina as ecografías pódense procesar en tempo real, unha campaña sísmica pode supoñer entre 10 e 20 Terabytes de datos e para o seu procesado é necesario un supercomputador coma o que Repsol construíu no seu centro de Houston (EUA), que ten unha capacidade de cálculo de 128 Teraflops (128 billóns de operacións por segundo), equivalente a 10.000 Pcs.
Os algoritmos que se utilizan en imaxe sísmica non son universais. Dependen das condicións xeolóxicas de cada lugar do mundo e algoritmos válidos, por exemplo, para a busca de hidrocarburos no Mar do Norte non son útiles no presal brasileiro. Os expertos empregan anos no seu estudo e especialízanse nas variacións que presentan nas distintas zonas do planeta.
O proxecto Caleidoscopio xurdiu como resposta a unha dificultade engadida que presentan as augas do golfo de México: a presenza de grosas capas de sal, que absorben unha alta porcentaxe do campo de ondas emitida e fan moi complexo recompoñer a imaxe sísmica destas zonas. As ecuacións matemáticas capaces de procesar esa información esixían supercomputadores con tal capacidade de cálculo que se pensaba que era irrealizábel.
"A grande innovación de Caleidoscopio", explica Ortigosa, "foi investigar simultáneamente tanto en hardware como software". En lugar de buscar aproximacións nos algoritmos decidimos procesar a imaxe completa, sen tomar atallos, para obter imaxes de alta fidelidade do subsolo. E para iso foi necesaria unha investigación paralela en hardware".
Páxina 1 de 2 > Seguinte

Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.