Laia Sanz impúxose na primeira das tres probas puntuables para o Campionato do Mundo de Trial Feminino, disputada en Andorra. Con este triunfo, Laia inicia o camiño cara ao que sería o seu noveno título mundial da mellor forma posible, cunha vitoria incontestable tras impoñerse amplamente en ambas voltas do percorrido.
Cun terreo bastante esvaradío pola choiva caída con anterioridade, a piloto Repsol terminou a primeira volta ao percorrido con 8 puntos, a metade que a segunda clasificada. No segundo paso e con mellores condicións de adherencia, Laia Sanz aínda mellorou máis a súa marca, penalizando unicamente 3 puntos máis, de novo oito menos que as súas rivais máis inmediatas, Rebekah Cook e Joanne Coles, que completaron finalmente o podio.
As dúas citas que decidirán esta nova edición do Campionato do Mundo de Trial Feminino disputaranse en Francia e Italia os días 12 e 18 de setembro, respectivamente. Previamente, os días 19 e 25 de xullo, terán lugar as dúas últimas probas do Campionato de Europa, certame no que Laia Sanz aspira ao seu oitavo título continental, todos consecutivos.
Laia Sanz
“O único obxectivo era gañar, así que me sinto satisfeita por telo lorado e iniciar o campionato co mellor resultado posible. De todos os xeitos son esixente comigo mesma, e considero que na primeira volta cometín algúns erros de máis, ao atrasarme un pouco nas zonas, o que me obrigou despois a recuperar o tempo perdido. Na segunda volta, mantiven o ritmo adecuado e sentinme moito máis cómoda.”
30/06/2009
Últimas noticias
> Toni Bou segue líder do Mundial de Trial tras finalizar terceiro en Italia
> Impecable fin de semana dos pilotos Repsol en Xapón
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.