Con catro vitorias de etapa e 6 horas e 22 minutos de penalización, Marc Coma concluíu a súa oitava participación no Dakar na décimo quinta posición final. Atrás quedan máis de 9.000 quilómetros percorridos en 14 días de competición (case 5.000 deles cronometrados), nunha carreira condicionada por unha polémica penalización na xornada de descanso que acabou coas aspiracións do español. Marc Coma demostrou un ano máis ser probablemente o piloto máis rápido do planeta en calquera deserto que se lle poña diante, e sobrepóndose aos problemas, as sancións e as polémicas, pechou un Dakar que, facendo honra á súa lenda, foi unha vez máis duro e esixente.
Terminou a 32ª edición do Dakar, e con esta xa van 8 para Marc Coma. Foi esta una das máis duras, sobre todo a nivel psicolóxico?
“Foi un Dakar moi duro. Tivemos condicións moi adversas desde o principio, sobre todo na primeira semana, posto que na segunda conseguín illarme totalmente dos temas extradeportivos e centrarme en pilotar. A verdade é que coa axuda de todo o meu equipo, que me arroupou moitísimo en todo momento, foi máis levadío, pero desde logo que foi unha carreira moi complicada”.
Manter a concentración cando todo se pon en contra, e a pesar de todo, seguir impondo un alto ritmo, supoño que precisa dunha gran preparación mental?
“Si, é quizais do que estou máis orgulloso. Como nos sobrepuxemos a unha situación tan enrarecida, nunha carreira que xa de si é moi dura. O equipo axudoume moito, e estou orgulloso de ter sabido manter a cabeza despexada, porque cando chega a hora da verdade, non é fácil aplicar a preparación que poidas facer previamente”.
Como esperabades este ano que sería o Dakar, e que vos atopastes realmente?
“Esperabamos unha carreira dura, máis completa que a do ano pasado, pero o que non previamos era ter tantos problemas, xa desde o primeiro día. Primeiro unha penalización, despois a caída de Jordi Viladoms, os problemas co mousse dos pneumáticos... En todo momento tivemos que correr a contracorrente, porque sinceramente, desde o primeiro día parecía que ían un pouco a por nós”.
Como explicas a gran diferenza que hai, desde os últimos anos, entre Després e ti, respecto ao resto de competidores?
“Non cho sabería dicir. É unha situación estraña, porque hai pilotos dun grandísimo nivel, pero si que hai unha diferenza, e non sabería explicala”.
Podes facernos un resumo do que foi a carreira nos inicios, desde que saístes de Bos Aires, penalizáronche por exceso de velocidade, logo tiveches que esperar a que che deixasen unha roda traseira e ata que coñeciches que che ían a penalizar?
“Foi unha primeira semana para esquecer, nunha dinámica que parecía que fosen a por nós. Está claro que o primeiro día me pasei de velocidade nun radar e non teño ningunha queixa respecto diso, pero non deixa de ser certo que sempre houbera certa tolerancia os primeiros días. En cambio, nós xa tivemos que empezar a contracorrente. Logo, o accidente de Viladoms, o problema co mousse, a caída de Luca Manca, e a penalización. En todo momento tivemos que remontar a situación, ata que chegou un punto que tivemos mesmo que illarnos do que sucedía fóra da carreira, porque foi unha primeira semana desas que cha contan e non o crees”.
Que sucedeu realmente ese venres 8 de xaneiro, na etapa Iquique-Antofagasta?
“Foi unha situación moi estraña. Era unha etapa longa, cunha neutralización na metade, así que a primeira parte fun moi pouco a pouco. Na neutralización parei a facer as miñas necesidades e entón houbo xente que se fixou na miña roda, dicindo que estaba demasiado ben. Nós tentamos demostrar matematicamente que non había ningunha irregularidade, pedindo unha medición dos tacos, pero logo non o quixeron facer”.
E cando che chegaron noticias no bivaque do que estaba a suceder en Dirección de Carreira, que foi o primeiro que che pasou pola mente?
“A min nada, eu estaba moi tranquilo porque sabía que non cambiara a roda e por moito que o dixesen, eu estaba tranquilo. Cando vin que Dirección de Carreira se reunía empecei a preocuparme un pouco, pero tivemos unha reunión na que dei as miñas explicacións, e funme a durmir moi tranquilo, porque dixeron que medirían os tacos para comprobalo. Curiosamente, despois dixeron que non os podían medir”.
Antes da carreira falábase da nova situación coas 450 e a limitación das motos de cilindrada superior. Como viches esa situación, crees que existiron grandes diferenzas mecánicas ao final?
“Desde logo, porque levar a brida afectounos moito. En condicións de moita calor e area, a moto non funcionaba correctamente, e estabamos moi limitados. Mesmo esa foi a causa do accidente de Jordi [Viladoms]”.
E agora, cales son os plans de Marc Coma a partir do teu regreso a España?
“Descansar. Desconectar todo o posible e reflexionar sobre todo o que sucedeu”.
18/01/2010
Últimas noticias
> Fundación Repsol, polo desenvolvemento en Senegal
> Marc Coma: “Imos sufrir como todos, pero o feito de que aumente a dureza no Dakar 2010 creo que nos beneficiará”
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.