O piloto de Repsol Montesa Honda, Toni Bou, foi o vencedor do Trial Indoor Comunidade de Madrid, cuarta e penúltima cita do Campionato do Mundo, disputado no Palacio de Deportes da capital española. Con esta nova vitoria, a terceira na presente edición do certame, o piloto Repsol consolidouse como líder da clasificación xeral e deu un paso importante para revalidar o título por cuarto ano consecutivo. Para logralo, bastaralle finalizar entre os catro primeiros na decisiva proba que terá lugar en Palma de Mallorca, o día 27 do presente mes de marzo.
Toni Bou resolveu a volta de cualificación sen penalizar nin un só punto e tamén logrou a mellor nota na semifinal, con dous puntos, catro menos que o seu rival máis próximo. O seu compañeiro Repsol, Takahisa Fujinami, quedouse nesta fase da competición, tras penalizar oito puntos, un máis que na cualificación. Cun punto menos, o piloto xaponés tería accedido por segunda vez consecutiva á final.
Toni Bou:
“Foi unha vitoria moi importante e cun valor engadido, posto que Adam [Raga] restou tres puntos ao meu rival máis directo, así que estou contentísimo. De cara ao título, a miña situación é máis favorable, pero o campionato non terminou e aínda quedan vinte puntos en xogo. Nun campionato con só cinco probas está prohibido fallar e isto repercute en que sempre hai unha máxima esixencia. É evidente que en Mallorca volveremos estar inmersos nunha gran tensión”.
Takahisa Fujinami:
“Supoño que o público quedaría satisfeito co espectáculo, pero eu non o estou en absoluto co meu resultado. Este regulamento segue sen gustarme. Hoxe quedei fóra da final por un só punto e perdín pola mínima diferenza unha nova ocasión de estar no podio. Non quero pechar o campionato sen subirme a el, así que en Mallorca estarei obrigado a afinar máis”.
15/03/2010
Ligazóns de interese:
• Todo sobre o Mundial de Trial Indoor
• Así está a clasificación
• As mellores imaxes do Mundial
Últimas noticias
> Toni Bou vence en Barcelona e recupera o liderado do Mundial de Trial Indoor
> Segunda posición de Toni Bou no Trial Indoor de Marsella
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.