A próxima semana botará a rodar unha das competicións máis importantes do deporte automobilístico. O Mundial de Rallys de 2009 chega este ano con numerosas novidades e coa ausencia destacada de Subaru e Suzuki. O pentacampión do Mundo Sebastién Loeb, afronta esta tempada o reto de seguir pulverizando todas as súas marcas, que o avalan xa como o mellor piloto da historia.
A organización reduciu o número de probas que se disputarán esta tempada, presentando un novo calendario que rotará cada dous anos. Así, por primeira vez desde 1996 a cita de Montecarlo non abrirá o Mundial de 2009 pero si o fará o ano que vén. Con esta iniciativa búscase dar cabida no campionato a todos os rallys.
A gran novidade este ano será a ausencia de Subaru e Suzuki. Ambas as firmas decidiron abandonar a competición debido á crise económica. Así as cousas, este ano serán dous os construtores que participen no Mundial: Citröen e Ford.
Ademais, a organización do Mundial buscou favorecer a redución de custos dos equipos introducindo novas restricións na normativa: limítase de seis a catro o número de mecánicos que poden tocar o vehículo nas asistencias. Pola súa banda, os equipos que disputen entre 10 e 12 probas poderán empregar catro motores por coche por tempada, co que a media é de tres rallys por motor. Tamén se limitaron algo máis o uso de transmisións, caixa de cambios, eixes de dirección e subchasis dianteiros e traseiros.
O Mundial de 2009 terá o seu maior interese en comprobar se algún piloto é capaz de facerlle sombra á hexemonía de Sebastién Loeb (Citröen), o único piloto que conseguiu gañar cinco mundiais na historia deste deporte. Entre os seus principais rivais estará o seu propio compañeiro de equipo, o español Daniel Sordo, e sobre todo o piloto de Ford, Mikko Hirvonen.
22/01/2009
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.