O piloto de Repsol Honda conseguiu a súa primeira vitoria da tempada tras imporse con abafadora autoridade no Grande Premio de Xerez. O catalán rodou a un ritmo por volta moi superior ao de tódolos seus rivais dende o primeiro xiro da carreira e exhibiuse ante os miles de afeccionados españois que se deron cita no trazado xerezano. Valentino Rossi e Jorge Lorenzo respectivamente, completaron o podio en MotoGP.
Tras unha excepcional saída Dani Pedrosa situouse en primeira posición e comandou o Grande Premio de principio a fin. O catalán, que bateu o record do circuíto que ostentaba Rossi dende a tempada 2005, puxo terra polo medio nada máis comezar a carreira e soubo administrar a distancia con respecto aos seus máis inmediatos rivais, Rossi e Lorenzo, ao final da mesma. Con esta vitoria o piloto de Repsol Honda sitúase á fronte do Mundial de pilotos da categoría raíña por primeira vez na súa carreira deportiva.
O compañeiro de Pedrosa, Nicky Hayden, finalizou en cuarto lugar e confirmou o excelente momento que vive o equipo Repsol Honda no Mundial. O estadounidense, que saía dende a cuarta praza realizou unha gran saída e colocouse primeiro pero inmediatamente despois pasouno o catalán. A segunda e terceira praza do podio ocupárona Rossi e Lorenzo respectivamente, que mantiveron unha dura pugna durante toda a carreira. Non obstante, foilles imposíbel dar alcance a un intratábel Pedrosa que rodou a un ritmo moi superior.
O actual Campión da categoría, Casey Stoner, sufriu varias saídas de pista e rematou undécimo mentres que o seu compañeiro de equipo, Marco Melandri, só puido terminar nunha discreta duodécima posición. Este mal resultado cultivado pola marca italiana unido ao bo momento de Pedrosa, fai presaxiar un Mundial máis igualado que o da tempada pasada.
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.