O inicio do Mundial de Motociclismo 2010 está cada vez máis preto, e tras a finalización no trazado malaio de Sepang da segunda xornada de adestramentos, xa só restarán dous días máis de probas (18 e 19 de marzo) antes de que a fin de semana do 11 de abril arrinque unha nova tempada. Os adestramentos deixaron impresións positivas no box do Repsol Honda Team, aínda que ambos os pilotos (Dani Pedrosa e Andrea Dovizioso) recoñecen que aínda queda moito traballo por diante.
O aumento da temperatura respecto da primeira xornada dificultou o traballo dos pilotos na pista. O asfalto esvaraba moito máis que onte, e aínda que en xeral se baixaron os tempos, o estado da pista non convidaba a tomar excesivos riscos.
Andrea Dovizioso marcou o sétimo mellor rexistro, despois de completar 46 xiros ao trazado malaio. Andrea fixou o seu mellor rexistro (2.01’439 seg.) no décimo terceiro xiro. O italiano do Repsol Honda Team completou pola tarde un simulacro de carreira, realizando un total de 15 voltas a un ritmo de 2 minutos e 2 segundos. Este ensaio foi moi útil para Dovizioso e o seu equipo, que puideron obter así valiosa información sobre o comportamento da nova moto a medida que se desgastan os pneumáticos e se reduce a carga de combustible.
No outro lado do box, a rebaixa de algo máis de medio segundo de Dani Pedrosa respecto do seu mellor rexistro da xornada anterior non serviu para deixar satisfeito ao piloto español. O certo é que Pedrosa non se mostrou cómodo sobre a súa moto en ningún momento durante os dous días de probas, e o segundo e dúas décimas que o separaron ao final da segunda xornada de adestramentos do mellor tempo, marcado por Valentino Rossi, así o demostra. O proceso de adaptación ás suspensións Öhlins e á nova moto non está a ser doado, e o exceso de vibracións, xunto cos bruscos movementos da moto acelerando, impedíronlle brillar ao seu mellor nivel.
Os dous pilotos do Repsol Honda Team regresan agora ás súas casas para descansar uns días, antes de volver á acción o próximo mes de marzo en Qatar, onde se programaron dúas xornadas de adestramentos, os últimos da pretempada antes do inicio do primeiro Gran Premio de 2010.
Dani Pedrosa, 2:01.478 seg, 57 voltas, 316 km.
“Hoxe traballamos moito e probamos varias cousas na moto para aumentar o ritmo. Aínda que melloramos as sensacións co motor, o cal é positivo, non obtivemos os resultados esperados noutros aspectos, e seguimos tendo varios dos problemas que xa sufrimos onte. Así pois, aínda nos queda moito traballo por diante antes de chegar a Qatar. O equipo está a traballar moi duro e confiamos en poder mellorar. Obviamente, o oitavo posto na táboa de tempos de hoxe non é o lugar onde quero acabar, así que tentaremos avanzar de cara a Qatar”.
Andrea Dovizioso, 2:01.439 seg, 46 voltas, 255 km.
“Se temos en conta o global destes dous días de adestramentos, esta sesión supuxo un gran paso adiante respecto da nosa última visita a este circuíto, a principios de febreiro. Estou satisfeito de que poidamos dar voltas de forma constante, xa que é un aspecto moi importante de cara ás carreiras. Fixemos unha simulación de carreira e o ritmo cos pneumáticos de carreira foi bo. Non estou satisfeito do todo co sétimo posto da táboa de tempos, pero o resultado débese en parte ao feito de que non usei un pneumático de atrás brando, algo que me axudou a conseguir unha mellor volta. É algo que teremos que analizar, xa que obter unha boa posición na grella de saída é moi importante de cara ás carreiras. Obviamente, quédanos bastante traballo por facer para chegar ao nivel de Valentino e Casey, pero en xeral estou contento e confiado”.
01/03/2010
Ligazóns relacionadas:
• Accede á Zona Pedrosa
• Accede á Zona Dovizioso
• Coñece a todos os pilotos de MotoGP do Mundial 2010
• Todas as citas de 2010: O calendario do Mundial
• Todos os datos estatísticos, no superbuscador máis completo da rede
Últimas noticias
> O Repsol Honda Team prosegue en Sepang os preparativos da tempada 2010
> A choiva e o frío poñen punto final anticipado aos adestramentos de Marc Márquez
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.