MotoGP regresou á acción no Circuíto de Sepang, Malaisia, o mesmo escenario no que fai apenas un par de semanas a pretempada 2010 retomou a actividade despois da longa pausa invernal. Os pilotos do Repsol Honda Team, Dani Pedrosa e Andrea Dovizioso, saíron á pista ao redor do dez da mañá (hora local) e traballaron intensamente xunto ao numeroso grupo de técnicos de HRC até as 17:00 horas, tomándose un respiro só o tempo necesario para comer ao mediodía.
O español do Repsol Honda Team, Dani Pedrosa, sufriu un leve incidente cando na curva de esquerdas número 9 do trazado malaio, unha das máis lentas do circuíto, sufriu unha caída sen consecuencias físicas, despois de que o pneumático dianteiro da súa Honda RC212V perdese adherencia. Pedrosa, que nese momento completara 26 xiros ao trazado de Sepang, atopábase traballando intensamente xunto co seu equipo técnico en mellorar o funcionamento das suspensións da súa moto, cando nunha forte freada chegou a caída. Dani regresou polo seu propio pé ao box, onde despois de conversar co seu corpo técnico, decidiu tomarse un respiro para comer mentres os mecánicos do equipo repasaban a moto accidentada.
Mentres, no outro lado do box, a xornada foi máis apracible para Andrea Dovizioso. O italiano foi avanzando paso a paso, confirmando satisfactoriamente xunto ao seu equipo técnico que as melloras que solicitou a HRC tras a anterior proba melloraron o conxunto. Dovizioso, tras completar 52 voltas, marcou o terceiro mellor tempo no xiro 36, cun tempo de 2.01’631 seg, a 536 milésimas de Valentino Rossi, que foi o piloto máis rápido no trazado malaio. O italiano mostrouse moi satisfeito pola dirección que está a tomar o desenvolvemento da moto e o gran esforzo de Honda HRC.
Á tarde, Dani Pedrosa regresou á pista despois de que o seu equipo reparase os danos na moto accidentada. A tarde desenvolveuse con normalidade para o español e ao final da xornada, o piloto español declarou non sentirse do todo satisfeito co comportamento da súa moto. Dani insistiu en que aínda deben traballar moito máis para mellorar o nivel de competitividade do conxunto. Pedrosa completou 47 xiros ao trazado malaio, marcando o seu mellor tempo no 41. O seu mellor crono, 2.02’036 seg, valeulle o sétimo mellor tempo, a 968 milésimas de Rossi.
O venres, os pilotos de MotoGP completarán a segunda e definitiva sesión de adestramentos en Sepang, para proseguir o mes que vén as probas en Qatar, onde se realizarán os últimos adestramentos antes do arranque do Mundial 2010, o 11 de abril, no Circuíto de Losail, situado nos arredores de Doha.
Dani Pedrosa >> 2.02’036 seg, 47 voltas, 261 km
“Hoxe traballamos moito e realizamos varios axustes na moto, pero esta movíase demasiado e non conseguimos solucionar o problema. Mañá centrarémonos en aumentar a velocidade no paso polas curvas e tentaremos introducir algunha mellora na configuración da moto que nos permita avanzar. Tiven unha caída a pouca velocidade na pinza; freei demasiado tarde e ao forzar para non saír do trazado, a roda dianteira esvarou e terminei polo chan. Estas probas son moi importantes para nós, xa que o inicio da tempada está a caer. Esperemos que mañá sexa un día produtivo”.
Andrea Dovizioso >> 2.01’631 seg, 52 voltas, 288 km.
“Estou moi contento con este primeiro día de probas. Aínda que marcamos o terceiro mellor tempo, o máis importante é que puidemos ir aumentando o ritmo de forma constante. Conseguimos rodar rápido en cada sesión, o cal é alentador. Por suposto, aínda nos queda moito traballo por facer para reducir as distancias cos pilotos de cabeza, pero confío nas nosas posibilidades e estou moi contento co traballo de desenvolvemento realizado por Honda. Hoxe cambiamos a miña posición sobre a moto e os resultados foron moi positivos. Así mesmo, probamos unha nova configuración electrónica. Mañá queremos dar máis voltas para comprobar o ritmo de carreira”.
Ligazóns relacionadas:
• Accede á Zona Pedrosa
• Accede á Zona Dovizioso
• Coñece a todos os pilotos de MotoGP do Mundial 2010
• Todas as citas de 2010: O calendario do Mundial
• Todos os datos estatísticos, no superbuscador máis completo da rede
Últimas noticias
> A choiva e o frío poñen punto final anticipado aos adestramentos de Marc Márquez
> Marc Márquez aproveita a mellora do tempo para progresar coa súa Derbi RSA
25/02/2010
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.