O Repsol Honda Team iniciou os seus primeiros adestramentos oficiais de 2010 no Circuíto Internacional de Sepang (Malaisia), tras pór fin ao descanso invernal de MotoGP. A estrutura oficial de Honda, que mantén nas súas filas ao español Dani Pedrosa e ao italiano Andrea Dovizioso, volveu subir esta mañá as persianas do seu box, e o equipo ao completo púxose mans á obra para preparar a próxima tempada.
Aínda que os enxeñeiros e pilotos de probas de HRC estiveron traballando no desenvolvemento da RC212V durante todo o inverno, hoxe era a primeira vez que Pedrosa e Dovizioso se puñan aos mandos das súas Honda V4 de 800cc. desde o 11 de novembro do pasado ano. Ambos os pilotos aproveitaron esta primeira xornada para volver aclimatarse á pilotaxe dunha MotoGP tras un parón de dous meses, realizando probas curtas das últimas melloras introducidas por HRC.
Dovizioso completou 51 voltas; mostrouse satisfeito co rendemento da súa RC212V e animado polo potencial mostrado pola nova moto. Nun día no que conseguir bos tempos por volta non era prioritario, o italiano de 23 anos acabou en sexta posición, cun mellor crono de 2 minutos e 2’630 segundos.
Pedrosa, gañador da última carreira da tempada 2009, iniciou o adestramento a un ritmo constante, completando 51 voltas aos mandos da súa RC212V de 2010. De novo co número 26 no frontal da súa moto, Pedrosa non sentiu ningún tipo de molestia no pulso esquerdo, tras a operación á que se someteu en decembro para extraer un parafuso dunha lesión anterior. O piloto Repsol acabou o día en oitava posición, cun mellor rexistro de 2 minutos e 2’866 segundos.
Os pilotos do Repsol Honda Team volverán o venres á actividade, para pór fin a estes dous días de adestramentos. Posteriormente regresarán de novo a Sepang a finais de febreiro, para seguir coa pretempada 2010.
Dani Pedrosa, 2:02:866 seg. 51 voltas
“Foi un día de adestramentos normal. Facía tempo que non subiamos á moto, así que nos levou un tempo adaptarnos á velocidade e coller o ritmo, pero iso é normal. Non buscabamos grandes tempos por volta nin obter un gran rendemento, e pasamos gran parte do día traballando nas suspensións Ohlins, xa que supoñen un cambio importante respecto da tempada pasada. As sensacións que tiven no pulso esquerdo, do que en decembro me extraeron un parafuso, foron boas, o cal é positivo. Polo xeral, hoxe tomeino con calma, porque temos moito tempo para seguir mellorando, empezando desde mañá”.
Andrea Dovizioso, 2:02:630 seg. 51 voltas
“Estes adestramentos son moi importantes, e senta ben volver subir á moto tras o longo descanso invernal. Foi un primeiro día moi positivo e estou contento coa nova máquina que Honda nos trouxo aquí. Temos moito traballo por facer e moitas cousas por probar antes de estar completamente preparados, así que os tempos por volta de hoxe non son indicativos do noso potencial. O traballo realizado por Honda na electrónica supuxo un gran adianto, e as sensacións co chasis tamén melloraron. Estamos a centrarnos en mellorar o ritmo que podemos manter en carreira, e niso seguiremos traballando mañá. Aínda temos que probar moitas cousas, pero esta primeira sesión foi importante para confirmar que imos polo bo camiño”.
04/02/2010
Enlaces relacionados:
• Todas as citas do 2010: O calendario do Mundial
• Os pilotos de MotoGP
• Os circuítos do Mundial
Últimas noticias
> Sepang, primeira cita de ano
> O piloto Repsol Dani Pedrosa, intervido para retirarlle un parafuso da man esquerda
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.