A experiencia é un grao, e o veterano piloto Repsol Gabriele Tarquini soubo sacar o máximo proveito esta tempada ao seu SEAT León TDI WTCC, sumando tres vitorias e puntuando en practicamente todas as carreiras do ano, o que lle permitiu proclamarse Campión do Mundo de Turismos 2009. De regreso xa á súa Giulianova natal, e despois de celebralo cos seus, Tarquini analiza máis pausadamente a tempada e o fito conquistado.
Cales foron as túas primeiras sensacións tras proclamarte Campión do Mundo?
“Foron fantásticas! Foi unha tempada moi longa, moi dura, na que vivimos unha loita moi intensa. Chegamos á última carreira con moita presión, e saberte ao final campión, conseguir o título de Campión do Mundo, é unha sensación moi boa, que che permite esquecer todo o malo e gozar moito do traballo realizado.”
Conseguíchelo despois dunha dura fin de semana, que non empezou demasiado ben. Que se che pasou pola cabeza, o venres, despois do accidente?
“Foron uns momentos moi malos, porque era unha fin de semana moi importante, e o sábado non tiven un, senón dous accidentes. No primeiro danei un pouco o coche, pero no segundo, que foi moi forte, o SEAT León quedou esnaquizado. Non só o meu; tamén o coche de Yvan [Muller] estaba feito anacos e el, no hospital. Ao vernos os dous no hospital pensei que perdera unha gran oportunidade da peor forma, dándollo en bandexa a Augusto [Farfus].”
Con 47 anos, despois de pasar pola Fórmula 1, e diferentes campionatos nacionais de turismos, esperabas proclamarte Campión do Mundo?
“A verdade é que o ano pasado estiven moi preto de conseguilo, e fai tres anos tamén, así que o obxectivo para esta tempada si que era conseguir o Campionato. Nun equipo tan potente, con cinco pilotos tan bos, a competencia interna tamén era moi forte, pero o obxectivo estaba claro.”
A tempada empezou ben, cun podio e unha vitoria en Brasil, e sempre te mantiveches moi regular. Cando pensaches realmente que podías ser Campión?
“Iso nunca o pensas até o último segundo, porque nun campionato tan competido como este, no que o regulamento fai que exista moita rivalidade, todo pode cambiar moi rapidamente. E máis cunha última carreira como a de Macau, na que calquera erro se paga moi caro, onde saírse 5 centímetros nunha curva significa ter un accidente. Xa acabara no hospital en anos anteriores, e nunca sumara moitos puntos, así que sabía que non se pode cantar vitoria antes de tempo.”
Foi unha tempada complicada e estraña, polos cambios de regulamento. Iso engade máis valor á vitoria final?
“Os cambios son un sistema para incrementar o espectáculo no campionato e igualar aos participantes, facendo imposible ter un campión antes da última carreira. Sempre é difícil xestionar un campionato tan aberto, con coches de características tan diferentes, así que o sistema que fixeron creo que é bo. Nós fomos fortes, consistentes, durante toda a tempada, e iso é o que ao final nos permitiu gañar.”
O ano pasado estiveches a piques de conseguir o campionato, pero escapouse. Esta vez Yvan Muller e ti intercambiastes as posicións. Que cambiou esta tempada?
“Seguramente a miña forma de afrontar o campionato. Aprendín moito da tempada pasada, na que fixen un arranque moi bo, sumando moitos puntos e adquirindo moita vantaxe a metade do Mundial, pero entón, a partir de Portugal, sumei moitos ceros seguidos, e ao final quedei a un paso. Esta tempada puntuei en 22 carreiras de 24, e iso foi a diferenza. Fun moito máis consistente.”
Cal foi o mellor momento da tempada?
“A carreira de Imola. Cheguei alí con moita presión, dos medios de comunicación, de saber que estarían alí os afeccionados, os amigos, a familia. Ademais, alí é onde o ano pasado empecei a ter moi mala sorte. Este ano conseguín a pole position e sumar moitos puntos, e iso, xunto a Yvan Muller, permitiunos coller unha boa vantaxe con respecto aos rivais.”
Que recibimento tiveches na túa casa?
“Son dunha cidade pequena e levo moitos anos competindo, así que nos coñecemos todos, e eles son os meus maiores fans. Cando cheguei de Macau, había unha festa montada na praza principal, e gozamos todo o día coa familia, os amigos, e toda a xente que desde hai moito tempo me anima. Foi moi bonito e emotivo.”
27/11/2009
Últimas noticias
> Gabriele Tarquini e Repsol conquistan o Mundial de Turismos en Macau
> Carreira decisiva en Macau para o equipo Repsol
27/11/2009
Últimas noticias
> Gabriele Tarquini e Repsol conquistan o Mundial de Turismos en Macau
> Carreira decisiva en Macau para o equipo Repsol
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.