Como non podía ser doutra forma, a tempada máis tola de Formula 1 dos últimos anos concluíu do xeito máis surrealista posíbel. Hamilton conseguiu o título tras superar a Glock na última curva do circuíto de Interlagos e cando no box de Ferrari xa se celebraba o triunfo de Massa. A carreira, marcada pola aparición da choiva nas últimas voltas, gañouna o propio Massa, seguido de Alonso en segundo lugar e Räikkönen en terceiro.
Lewis Hamilton cumpriu cos prognósticos e conseguiu o seu primeiro Campionato do Mundo, converténdose no piloto máis novo en conseguilo. A choiva, que fixo acto de presenza ao principio e ao final da carreira, foi o factor provocador de que se vivira un auténtico caos en Brasil, onde a incerteza estivo presente até o último segundo do GP. Massa conseguiu unha fantástica vitoria tras liderar a proba de principio a fin, e a súa alegría tras coñecer que era Campión tornouse en decepción cando lle comunicaron, finalmente, que o quinto posto logrado por Hamilton arrebatáballe a gloria.
A pesar do resultado final, tanto Hamilton como Massa demostraron neste último Grande Premio da tempada que calquera dos dous era un digno Campión do Mundo.
O brasileiro cumpriu coa misión que tiña antes de empezar a carreira, que era lograr a vitoria, obxectivo que conseguiu folgadamente e que de non ser polo adiantamento “in extremis” do británico a Glock, que rodaba con pneumáticos de seco, deulle o título. A pesar de perder o título de pilotos, á escudaría Ferrari quédalle o consolo de revalidar o Campionato de Construtores de xeito folgado.
Ademais de Hamilton e Massa, no GP de Brasil, apareceron tres actores secundarios que realizaron magníficas actuacións e que axudaron a que a emoción se mantivese até a última volta. O primeiro deles foi Fernando Alonso que, noutra maxistral carreira, logrou un mais que sorprendente segundo posto, por diante de Räikkönen, ao saber aproveitar mellor que ninguén as variacións meteorolóxicas.
Os outros dous, foron os alemáns Vettel e Glock, culpábeis ambos de que Hamilton pasase de ter perdido o Mundial a telo gañado en 3 voltas. O de Toro Rosso superou ao británico a falta de 2 voltas, cando ía quinto, outorgándolle de forma virtual o Campionato a Massa, pero a arriscada decisión do equipo Toyota de non cambiar os pneumáticos, provocou que Glock descenda do cuarto ao sexto posto nas últimas curvas ao non ser capaz de controlar o seu monopraza na choiva, permitíndolle a Hamilton sumar os 4 puntos que necesitaba para conseguir matematicamente o Campionato do Mundo.
Na rolda de prensa posterior ao último Grande Premio do ano, Fernando Alonso que foi, de longo, o mellor piloto do último terzo de tempada mostrouse “moi contento coa carreira realizada”, e que foi “un magnífico resultado para acabar o campionato, un premio”. O piloto asturiano destacou da súa actuación que o podio conseguido foi posíbel debido a “que sacamos vantaxe das difíciles condicións da carreira”. Felicitou aos dous campións, Hamilton e Ferrari, e posteriormente expresou un desexo: “espero que nós podamos estar na mesma situación o ano que vén, loitando por estar arriba”.
O GP de Brasil finalizou coas seguintes posicións:
1 Massa (Ferrari)
2 Alonso (Renault)
3 Räikkönen (Ferrari)
4 Vettel (Toro Rosso)
5 Hamilton (McLaren-Mercedes)
6 Glock (Toyota)
7 Kovalainen (McLaren-Mercedes)
8 Trulli (Toyota)
A clasificación do Mundial de Pilotos queda así:
1 Hamilton 98
2 Massa 97
3 Räikkönen 75
4 Kubica 75
5 Alonso 61
6 Heidfeld 60
7 Kovalainen 53
8 Vettel 35
Clasificación final do Mundial de Construtores:
1 Ferrari 172
2 McLaren 151
3 BMW Sauber 135
4 Renault 80
5 Toyota 53
6 Toro Rosso 39
02/11/2008
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.