Éxito absoluto para os pilotos Repsol do equipo SEAT Sport no Mundial de Turismos, que conseguiron cumprir os seus obxectivos para a tempada 2009 na última cita do ano, disputada no circuíto urbano de Macau. Gabriele Tarquini converteuse no Campión do Mundo 2009, reeditando o título logrado hai un ano polo seu compañeiro Yvan Muller, que foi subcampión. Ademais, os seus resultados valéronlle á marca española que loce as cores de Repsol para conquistar o título de construtores.
Facendo un ano máis gala dun gran espírito de equipo, os pilotos Repsol culminaron da mellor forma posible un ano moi complicado. A fin de semana non empezara ben, xa que Gabriele Tarquini e Yvan Muller, campión e subcampión do mundo, terminaron a sesión de clasificación no hospital, tras sufrir un serio accidente que deixou os seus coches moi maltreitos. Tras o esforzo dos mecánicos por reparar os coches e sen lesións serias que lamentar, os cinco pilotos oficiais do equipo levaron a cabo unha estratexia perfecta para asegurar a dobre vitoria.
Na primeira carreira, unha saída impecable de Tiago Monteiro, Jordi Gené e Gabriele Tarquini permitiulles controlar a situación en segunda, terceira e cuarta posición, sen arriscar pola vitoria, e sumando os puntos necesarios para asegurar o primeiro dos títulos. Ao final, Tarquini entrou segundo, por diante de Gené, con Yvan Muller quinto e Monteiro sexto. Este resultado daba matematicamente o título a un dos dous pilotos, aínda que quedaba por decidir se sería Muller ou Tarquini.
A segunda carreira foi aínda máis táctica, con Yvan Muller en terceira posición, seguido de Monteiro e Gené, e con Gabriele Tarquini recuperando posicións até situarse sexto. A Gené tocáronlle levemente, o que permitiu a Tarquini superalo, e deixou aos SEAT en formación, conservando as súas posicións. Un accidente na parte traseira do pelotón obrigou a suspender a carreira a dúas voltas do final, confirmando definitivamente o triunfo de Gabriele Tarquini no Mundial, e de SEAT no apartado de construtores.
Coa súa vitoria, o piloto Repsol convértese no sétimo campión mundial italiano da historia, o primeiro en dezaoito anos despois de Teo Fabi e tras Nino Farina, Alberto Ascari, Mauro Baldi, Roberto Ravaglia e Massimo Biasion. Ademais, fixo súa unha marca espectacular, converténdose con 47 anos no campión máis veterano de toda a historia do automobilismo, superando mesmo a Juan Manuel Fangio. Para a marca española, este é o quinto Título Mundial, tras os conseguidos en Rallys en 1996, 1997 e 1998 co Ibiza Kit Car, e os dous logrados no Mundial de Turismos en 2008 e 2009 co León TDI WTCC.
Gabriele Tarquini
“É algo extraordinario conseguir o título despois de tantos anos de carreira deportiva. Empecei a fin de semana con problemas, pero puiden recuperarme e o traballo extraordinario dos meus mecánicos permitiume disputar en condicións unha carreira que representaba unha oportunidade única, e que non podía desaproveitar. O campionato foi moi duro e intenso, e para gañar a dous rivais tan bos como Yvan Muller e Augusto Farfus foi imprescindible marcar moitos puntos en todas as carreiras.”
23/11/2009
Últimas noticias
> Carreira decisiva en Macau para o equipo Repsol
> Novo podio de Yvan Muller en Xapón
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.