A escuadra Force India fixo público que a próxima tempada os seus monoprazas se equiparán con motores Mercedes-Benz, despois de chegar a un acordo co construtor alemán. O equipo indio tiña un contrato en vigor con Ferrari até finais do ano que vén, pero decidiu rompelo antes de que vencese e pasarse á competencia.
Trátase, á súa vez, dun acordo de colaboración con McLaren e é que a escuadra india recibirá, ademais, o novo KERS, a caixa de cambios de McLaren e o sistema hidráulico. Force India convértese así no primeiro equipo en obter apoio operativo e tecnoloxía de Mercedes á marxe do equipo de Ron Dennis.
O acordo ao que chegaron ambas as partes prolongarase “máis aló” do 2009, pero non se concretou o prazo. Vijay Mallya, director de Force India, subliñou que este tipo de decisións axudarán a que a súa escuadra sexa máis competitiva nas próximas campañas e a fomentar este deporte no seu país, aínda que engadiu que o interese pola F1 xa está a crecer en India e en países veciños como Singapur, Malaisia e Abu Dhabi.
Esta nova colaboración podería abrirlle as portas ao probador español de McLaren, Pedro de la Rosa, para participar como piloto no Mundial de 2009. Segundo explicou o director xeral do equipo inglés, Martin Whitmarsh, a colaboración con Force India incluirá recomendacións sobre os pilotos que deben guiar os seus monoprazas, aínda que á hora da verdade serán libres de tomar a decisión. Nese aspecto, o propio Mallya engadiu que “eles nos recomendarán pilotos pensando na mellor opción para o noso equipo e será moi difícil facer caso omiso aos seus consellos”.
11/11/2008
Últimas noticias
> Alonso queda en Renault
> Hamilton gaña o Mundial na última curva
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.