
É difícil imaxinar como sería a nosa vida sen a electricidade. Está en case todos os fogares e converteuse nun elemento esencial da nosa vida diaria.
Non obstante, un o seu uso indebido e o mal mantemento das instalacións poden levarnos a sufrir serios problemas.
A electricidade úsase de forma cotiá constantemente, non só como fonte de luz, senón como enerxía responsábel do funcionamento da práctica totalidade dos aparellos do fogar: neveiras, ordenadores, cociñas ou televisores son só algúns exemplos. Non obstante, un mal uso pode darnos máis dun desgusto. Convén poñer atención nunhas normas básicas para o seu bo funcionamento.
Normas básicas
- Debes coñecer e atopar doadamente o cadro xeral de mando do teu domicilio, así como identificar cada interruptor. Se é necesario pega etiquetas que definan a súa función sobre os interruptores; axudarache en casos de emerxencia.
- Os cables ou alongadores nunca han de estar escondidos tras o sofá ou as alfombras, xa que se se quentan ou empezan a deteriorarse non poderías advertilo. Ademais, en caso de curtocircuíto, os tapices e teas son materiais que prenden rapidamente.
- Se observas que os enchufes ou cables cambiaron de cor ou se escureceron, sustitúeos de inmediato, xa que existe risco de quentamento.
- Se tes que mover ou limpar un electrodoméstico de gran tamaño e gran potencia, como é o caso dunha lavadora ou dun frigorífico, tes que desenchufalo antes da súa manipulación. Se non tes acceso ao enchufe, desconecta o cadro de mandos.
- Nas casas que haxa nenos, é aconsellábel que protexas os enchufes con tapas de seguridade.
- Nunca manipules un aparello eléctrico conectado á rede. Desenchúfao primeiro. Tampouco o fagas se hai auga no chan ou vas descalzo; neses dous casos o teu corpo é un excelente condutor da electricidade.
Normativa vixente
Dende 1973, a lei obriga a que todos os fogares dispoñan dun interruptor automático diferencial. A súa función é interromper a corrente cando un aparello ten unha derivación perigosa, cando hai unha fuga de corrente na instalación da casa ou ben cando alguén manipulou imprudentemente a rede eléctrica -por exemplo, se un neno introduce algún obxecto metálico nun enchufe-. A instalación deste interruptor de forma obrigatoria salvou moitas vidas, xa que os accidentes por imprudencias eléctricas eran moi elevados.
A mesma lei tamén considera como obrigatorio a instalación dunha toma de terra, cuxo obxectivo é absorber a corrente excesiva ou en mal estado dun aparello eléctrico e derivalo a esa toma, de cor amarela, que chega directamente á terra.
Así mesmo, en case todos os cadros eléctricos actuais figura o Interruptor de Control de Potencia (ICP), un sistema que fará saltar automaticamente o cadro principal cando estean enchufados á rede un número maior de aparellos do que a potencia contratada permite. Deste modo, evitarase que un curtocircuíto remate queimando parte da instalación da vivenda.
En todo caso, se salta o cadro de mando, é necesario desenchufar os electrodomésticos causantes do problema e, a continuación, volver dar a luz.
Se o problema persiste, non debe manipularse o cadro de mando: acudir a un profesional, será moito máis rápido e evitará avarías maiores.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.