
Diarreas, vómitos, náuseas, dor abdominal ou febre, son os síntomas comúns das infeccións estomacais, que poden estar provocadas por unha simple gripe ou a inxesta de alimentos en mal estado e de auga contaminada. Aínda que existen tratamentos eficaces para palialas, non hai mellor forma de enfrontarse a elas que previlas.
¿Quen non sufriu algunha vez unha infección estomacal? Trátase dunha doenza moi común que non respecta idades, é habitual nos nenos e a súa frecuencia débese a que o contacto cos microorganismos que a orixinan é moi doado. Ás veces, abonda con tocar unha persoa infectada ou compartir con ela obxectos cotiáns.
Tampouco resulta difícil comer alimentos en mal estado dos que descoñecemos a forma en que foron elaborados e conservados.
Pero a prevención pode evitar moitos destes trastornos, que teñen a súa orixe en virus, bacterias e parasitos. Mentres que os dous primeiros son capaces de sobrevivir durante algún tempo no exterior do corpo humano, enriba dunha mesa, nun xoguete ou sobre as barras dun vagón de metro, os parasitos necesitan dun organismo vivo que os albergue. Tanto uns como outros, unha vez instalados no tracto dixestivo, e cando o sistema inmunolóxico é incapaz de destruílos, provocan dor, diarrea, vómitos, febre e outros síntomas, ás veces virulentos, que alertan de que a infección está en marcha.
Un dos trastornos máis coñecidos é a salmonelose, causada por unha bacteria chamada salmonella. A infección dura ao redor dunha semana e xeralmente cúrase sen necesidade de tratamento, aínda que existen casos graves que requiren o ingreso nun hospital. A salmonella adoita contaminar animais e pasa ao ser humano a través da súa carne, pero tamén está presente nos vexetais. A desvantaxe desta doenza é que os alimentos con salmonella non presentan un aspecto ou olor que delate a súa presenza, e a vantaxe, que o cociñado a destrúe. Polo tanto, o risco está en consumir produtos crus.
Así, as medidas de prevención radican en preparalos á calor, en ter coidado cos utensilios onde se manexan crus, que hai que lavar ben para que a bacteria non pase duns a outros, e en manter unha boa hixiene das mans. Tamén é importante tomar produtos lácteos pasteurizados. A boa conservación, na neveira, e a conveniente separación e empaquetado unha vez nela das carnes e ovos poden igualmente evitar o problema.
Outro tipo de bacteria que ataca ao estómago é a E coli. Algunhas das súas variantes son inofensivas, e a maior parte dos contaxios prodúcense a través da carne de vaca e tamén pola auga. Para eludir o contaxio é necesario que a carne estea ben pasada, e beber só auga coas garantías necesarias de salubridade. É imprescindíbel evitar inxerir auga de piscinas públicas ou augas doces, como as dos lagos.
Unha clase de bacteria que ataca ao intestino é a Clostridium botulinum, responsábel do botulismo. Non é frecuente e desenvólvese en espazos pechados e sen osíxeno, como as latas e os alimentos envasados ao baleiro.
Dentro do grupo de infeccións virais cabe sinalar aquelas que proceden da auga contaminada. Nestes casos, a mellor prevención é tomar augas tratadas, e cando se descoñece se o foron, optar pola auga embotellada.
Un tipo de virus que adoita atacar aos máis pequenos é o rotavirus. Normalmente contáxiase a través das feces, polo que os nenos son moi proclives a infectarse porque tocan os cueiros, nas gardarías comparten baño e divírtense cos mesmos xoguetes, que ademais adoitan levar á boca. De novo, é a hixiene a mellor forma de evitar o trastorno. Procurar que os pequenos laven as mans, lavalas os adultos que lles cambian os cueiros e intentar que estes últimos sexan impermeábeis, son boas medidas.
Nos últimos tempos, cada vez son máis as persoas que viaxan a países exóticos por razóns profesionais ou para facer turismo. Durante estas viaxes é posíbel contaminarse con parasitos, virus e bacterias que atacan ao estómago, e non poucos sofren o azoute de diarreas, febre e vómitos que arruínan as súas vacacións. Nestas situacións, as medidas preventivas resultan básicas. De novo hai que extremar o coidado coa auga, eludir a inxesta de alimentos crus e lavar as mans con máis frecuencia da habitual. É mellor non probar as ensaladas.
Doenzas como o cólera ou a febre amarela pódense evitar mediante a vacinación, que ás veces é só por vía oral. Non está mal poñerse en contacto coas oficinas do viaxeiro presentes nalgúns hospitais co fin de coñecer os tratamentos que son necesarios, antes de acudir a estes lugares.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.