Descoñécense as súas causas pero cando a fibromialxia aparece, a dor apodérase dos músculos, dunha forma que lembra os casos de reumatismo. Aínda que se sente, a enfermidade porén non se amosa e a proba é que cando se realizan as probas, estas acostuman mostrar resultados negativos. O 90% das persoas afectadas por esta enfermidade son mulleres.
Como o seu propio nome indica, a fibromialxia é unha enfermidade reumática crónica que se caracteriza por unha sensación de fatiga acompañada dunha forte dor muscular. No estado español, entre un 2-3% da poboación sofre esta doenza e quen o padecen experimentan unha sensación xeneralizada de que lle doe todo o corpo. Aínda que predominantemente afecta ao sexo feminino entre os 20 e 40 anos, tamén pode manifestarse en nenos e anciás.
Aínda que se descoñecen as causas que poden orixinar este proceso, crese que situacións de estrés forte, depresións ou ansiedade poderían desembocar en fibromialxias, aínda que non está comprobado cientificamente.
Polo xeral, o diagnóstico acostuma tardar anos en chegar, aínda que cada vez se rexistran máis casos, non porque haxa unha maior incidencia senón porque antes nin sequera se formulaba a posibilidade de que se tratase desta enfermidade.
Dores intensas
Os síntomas son unhas dores semellantes as maniotas pero moito máis intensas que ás veces impiden que a persoa poida durmir con normalidade nin desempeñar o seu traballo, polo que, en ocasións se tende a confundir cunha depresión. Esta dor sófrese en todo o corpo, aínda que pode comezar nunha rexión determinada e estenderse a outras ao cabo dun tempo. Ademais, a súa intensidade pode variar segundo a hora do día, o clima, os patróns de soño, a fatiga nerviosa ou o nivel de actividade física.
Observouse en moitos enfermos un descenso da serotonina, un neurotransmisor modulador do soño, a dor e a resposta inmunolóxica, así como unha sensación de fatiga e abatemento, apnea nocturna, miclonías do soño (movementos bruscos de brazos e pernas) e bruxismo (rinchar os dentes).
Cómpre salientar que unha elevada porcentaxe de persoas con fibromialxia sofre trastornos do soño xa que, aínda que se dormen con facilidade espértanse tamén con frecuencia. En consecuencia, levántanse ao día seguinte sentíndose cansadas, aínda que durmisen durante toda a noite. Esta fatiga pode reflectirse como unha apatía ou en casos máis extremos como unha sensación de esgotamento. O soño profundo é fundamental en moitas funcións do organismo como a reparación de tecidos ou a regulación de hormonas. Por iso, en ocasións prescríbense medicamentos que potencian os niveis de serotonina no corpo.
As dores de cabeza e as hemicranias son tamén síntomas comúns, así como as dores abdominais e o chamado “síndrome de colon irritábel” caracterizado por estrinximento alternado con diarrea, dor abdominal, gases e náuseas. Afortunadamente, non causa deformidades e a dor en xeral non acostuma empeorar co tempo, aínda que algunhas persoas afectadas poden chegar a ter síntomas tan severos que lles imposibiliten se desenvolver ben tanto no traballo como na súa vida social.
Os “puntos gatillo”
O corpo conta con 18 zonas sensíbeis á dor, que delatan á persoa con fibromialxia. Os especialistas denomínanas “puntos gatillo” e serven para ditaminar se os síntomas que padece unha persoa se deben a esta enfermidade ou a outra patoloxía.
Trátase dunha técnica que o Colexio Americano de Reumatoloxía adoptou en 1990. Consiste en establecer os citados 18 puntos en distintas zonas do corpo que van desde a noca, arredor do pescozo e a columna vertebral, trapecios, columna dorsal, zona lumbar, cóbados, cara externa das cadeiras e cara interna dos xeonllos. Considérase que unha persoa padece fibromialxia cando ao facer o médico presión sobre estas zonas, o paciente experimenta dor, polo menos, en doce delas. Ademais terase en conta que se sufran dores xeneralizadas desde varios meses antes, sen que exista ningunha outra enfermidade que poida xustificalas.
A fibromialxia é unha enfermidade crónica, aínda que o seu impacto sobre a vida cotiá do paciente pode ter maior ou menor repercusión. É fundamental que o paciente estea ben informado, que coñeza o proceso da súa enfermidade, e que saiba que aínda que a fibromialxia produce moita dor, non é unha enfermidade dexenerativa.
Acostuma recomendarse que a persoa afectada continúe realizando as súas actividades con normalidade xa que se se tende ao repouso os músculos poden inutilizarse e atrofiarse. Recoméndase practicar deporte con moderación e tamén someterse a técnicas de relaxación de cara a saber adecuarse aos problemas psicolóxicos que acostuman asociarse a esta enfermidade. Paralelamente establécense tratamentos farmacolóxicos en forma de analxésicos para combater a dor, antidepresivos para os casos de depresión, así como outros específicos para os trastornos do soño ou os problemas asociados como o colon irritábel.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.