
Ao redor de cinco millóns de persoas padecen en España xaquecas de forma habitual. Trátase dun trastorno común que, aínda que non responda a patoloxías máis graves, trastorna a vida cotiá. Pero determinados hábitos, unha dieta correcta, fármacos e remedios naturais poden facer remitir o que para moitos rematou por converterse nun temido pesadelo recorrente.
Existen distintos tipos de cefaleas que non teñen detrás outro tipo de doenza, é dicir,
non son un síntoma asociado a un determinado problema de saúde.
Por unha parte están as de orixe vascular, coñecidas como xaquecas e que se manifestan mediante crise que poden durar varias horas ou mesmo varios días.
A dor adoita ir acompañada de fotofobia e fonobia, é dicir a luz e o ruído molestan esaxeradamente, e ademais poden aparecer náuseas. A súa orixe está nun cambio do fluxo sanguíneo cerebral e na contracción e dilatación das arterias da base do cranio, así como dos vasos do coiro cabeludo.
Algunhas xaquecas preséntanse con síntomas previos ao comezo da dor propiamente dita, que van dende ver luces e puntos chispeantes a problemas de visión e formigo
nas extremidades. As molestias aparecen nunha zona da cabeza e teñen forma de latexos.
Outro tipo de xaquecas son as tensionais. Son as máis habituais: padéceas ata un 80% da poboación, e están provocadas polo nerviosismo e a tensión. Hai persoas que as padecen de xeito crónico e outras que só as sofren esporadicamente, asociadas a situacións moi concretas.
As xaquecas posúen un elevado compoñente xenético, é dicir, os fillos de pai e nai migrañosos teñen ata un 40% máis de probabilidades de sufrir o problema. Tamén se fala de que as súas principais vítimas son as mulleres: as estatísticas indican que as sofren tres por cada home.
Como combatelas
Combater calquera tipo de cefalea implica un ataque dende distintas frontes. En primeiro lugar, é moi importante observar en que momentos xorden, que acontecementos preceden o inicio da dor ou se se desencadean despois de tomar algún tipo de alimento ou bebida. É fundamental recoller os máximos datos posíbeis antes de acudir ao médico para que realice un diagnóstico e propoña un tratamento.
A dor pódese aliviar, ademais de mediante fármacos, cunhas cantas medidas moi simples, como deitarse nun lugar tranquilo e escuro, colocar compresas de auga fría e quente de xeito alternativo, e empregar técnicas de relaxación. Unha alimentación correcta, que evite determinados produtos que poden intensificar as molestias, resulta
de vital importancia.
Sábese que o chocolate e o queixo curado son ricos en tiramina, unha substancia vasoactiva que intervén negativamente na contracción e dilatación dos vasos sanguíneos da cabeza. Tamén inflúen negativamente os nitritos, que están presentes en aditivos como os que leva o embutido, e o glutamato monosódico, que se atopa na salsa de soia. Pola contra, os alimentos ricos en magnesio, tales como os cereais e os legumes, son aconsellábeis, xa que este mineral ten unha acción positiva sobre os vasos sanguíneos.
A dor de cabeza e a xaqueca poden tratarse ademais con fitoterapia. A herba Kava Kava, por exemplo, activa uns compostos químicos do cerebro chamados neuropéptidos, que relaxan os músculos e os vasos sanguíneos. Pola súa banda, o xenxibre axuda contra as xaquecas que se acompañan de náuseas, mentres que a lavanda se utiliza para aliviar as cefaleas tensionais. O talo de salgueiro, que garda compoñentes similares á aspirina, actúa como calmante, e aromas como a alfábega e a menta mitigan as molestias.
No campo farmacolóxico empréganse analxésicos comúns e antiinflamatorios non esteroideos, que teñen un efecto calmante sobre a dor. Con carácter preventivo utilízanse antidepresivos, betabloqueantes e antagonistas do calcio e para calmar as dores moi intensas, úsanse ergotamínicos, un tipo de compostos que evitan a dilatación dos vasos sanguíneos.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.