
A formación a través de Internet ou aprendizaxe electrónica (e-learning) creceu en oferta e calidade nos últimos anos. Son numerosos os centros que ofrecen a posibilidade de conseguir un título ou realizar un curso a través da Rede, coas vantaxes que isto implica (evítanse desprazamentos, flexibilidade de horarios, redución de custos, ritmo de aprendizaxe individual e dinámica...).
Os grandes impulsores do e-learning en España foron as grandes empresas, que atoparon nesta modalidade a vía ideal para formar os seus traballadores salvando as barreiras xeográficas e de horarios. Moitas compañías ofrecen xa máis do 30% dos seus programas formativos de modo en liña. As universidades tamén asimilaron rapidamente a formación por Internet e a maioría delas contan coa súa propia plataforma de e-learning.
Actualmente, os programas que máis éxito teñen son os másters, postgrados ou programas de especialización, así como as carreiras universitarias. Pero hai que saber seleccionar. A oferta é moi ampla e os expertos recomendan buscar aquelas materias que mellor se axusten ás necesidades do estudante.
Á hora de elixir, hai que ter en conta varios aspectos. En primeiro lugar, a claridade da información da páxina web que oferta o curso e a calidade do material educativo. Así mesmo, hai que observar a listaxe de profesores e a forma de contactar con eles (chat, correo electrónico, teleconferencia, webcam, teléfono...), así como a duración e a orde dos temas que se van impartir. Tamén hai que se fixar no número de alumnos, xa que se este é moi grande pode repercutir na calidade da atención que se dispensa.
Entre os portais que ofrecen cursos en liña salientan Infocurso (www.infocurso.com) e Emagister (www.emagister.com), que proporciona seguros e asistencia xurídica aos alumnos que se matriculan nalgún dos seus programas. E para estar informado de todo o que acontece neste mundo: eLearning Workshops (www.elearningworkshops.com), unha comunidade de profesionais da aprendizaxe electrónica.
Campus virtuais
As universidades españolas adoptaron rapidamente o modelo de formación virtual. No ensino superior, o e-learning xorde como un perfecto complemento, e incluso substituto, das formas tradicionais de educación.
Pódese falar de cinco formas de aplicación do e-learning nas universidades. En primeiro lugar estaría a universidade presencial que introduce elementos de virtualidade na súa dinámica educativa, como a Universidade Politécnica de Cataluña, a Universidade Complutense de Madrid ou a Universidade de Oviedo.
Tamén hai centros universitarios cunha extensión virtual, que é o modelo máis estendido, e universidades tradicionais ás que se endosou unha universidade virtual, caso da Ramón-Llull.
Logo hai universidades xenuinamente virtuais como a Oberta de Catalunya ou a UNED, e espazos virtuais interuniversitarios comúns, tamén coñecidos como campus virtuais compartidos.
Estes últimos baséanse nun único punto de encontro virtual para varias universidades. Ofertan un conxunto de materias de libre elección, que se imparten a distancia empregando sistemas telemáticos. Desta forma, o estudante pode cursar a través da Rede materias que non se imparten na universidade na que está matriculado.
O Grupo 9 de Universidades (G-9) é un exemplo de campus virtual compartido. Está constituído polas universidades públicas de Cantabria, Estremadura, País Vasco, Navarra, Zaragoza, Oviedo, Baleares, A Rioxa e Castela-A Mancha. Todas elas ofrecen materias de libre elección. Algunhas destas materias conforman itinerarios formativos vinculados a áreas de coñecemento, que ao completar 18 créditos dan lugar a un diploma interuniversitario.
Outro proxecto de espazo virtual compartido é ADA-Madrid (Aula a Distancia e Aberta da Comunidade de Madrid), no que participan seis centros madrileños (Universidade de Alcalá, Universidade Autónoma, Universidade Carlos III, Universidade Complutense, Universidade Politécnica e Universidade Rey Juan Carlos). As súas clases telepresenciais por streaming de vídeo son especialmente valoradas polos alumnos.
Artigos relacionados:
> A Complutense en Google Books
> A aula do futuro
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.