Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Sen saír da casa > Reportaxes > Ocio e cultura
Archive.org, a gran biblioteca de Internet

Un inmenso almacén de contidos e información. Iso é, a grandes trazos, o Arquivo de Internet, máis coñecido como Archive.org. Desde hai máis dunha década, esta biblioteca de Alexandría virtual recolle copias de todos os sitios web que hai na Rede, de forma que resulta útil para estudar cómo evolucionou Internet durante todos estes anos.

Pero hai máis. Archive.org alberga tamén miles de películas, textos e música cuxos dereitos de autor expiraron ou ben contan con licencias Creative Commons ou doutro tipo que permiten unha distribución libre.

Internet Archive é un proxecto sen ánimo de lucro que nace en 1996 no presidio de San Francisco (EE.UU.) impulsado por Alexa Internet, unha compañía subsidiaria de Amazon.com, e a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos cun obxectivo claro: preservar o pasado da Rede. Día tras día os ordenadores de Alexa rastrean incansablemente a web e almacenan os contidos dos sitios. A súa capacidade de almacenamento é, polo tanto, xigante. Na actualidade estímase que dispón de preto de 85.000 millóns de páxinas, ademais de todos os arquivos de audio, vídeo e texto.

A través dun buscador, denominado WayBack Machine, pódense consultar as webs almacenadas. Grazas a este sistema é posíbel observar, por exemplo, cómo cambiou o deseño do portal de Yahoo! en España desde 1998 ata a actualidade, ou incluso acceder a sitios que desapareceron, como o do extinto periódico Diario 16.

Cando se introduce o enderezo desexado sae unha táboa cos anos e as datas nas que se fixeron copias dese sitio web. Por exemplo, no caso de Repsol, aparecen un total de 314 páxinas entre os anos 2002 e 2007 polas que o internauta pode navegar. Nalgunhas datas aparece un asterisco, que quere dicir que nese momento se produciu un cambio substancial no sitio.

Difusión cultural
Pero Archive.org non só garda páxinas web para lembranza e goce dos nostálxicos, tamén exerce unha encomiábel de labor de difusión cultural. E é que nesta biblioteca se almacenan centos de miles de películas, textos e música que pasaron a formar parte do dominio público. Polo tanto pódense descargar, usar e gozar, sempre, iso si, sen ánimo comercial.

Moving Images é o apartado máis popular, e o máis venerado polos amantes da sétima arte. Para o seu deleite pódense baixar máis de 2.000 películas completas, desde obras mestras como o Nosferatu de Murnau, de 1922, ata films relativamente máis recentes como La noche de los muertos vivientes (1966), de George A. Romero, ou xoias como a primeira película de Francis Ford Coppola, Dementia 13 (1963). 

Tamén hai películas de animación, documentais, trailers, videoblogs, videoxogos, recompilacións de programas e noticias, gravacións realizadas e subidas polos propios internautas (Open Source Movies), con licenzas Creative Commons, e incluso vídeos deportivos. Todos estes arquivos pódense descargar en varios formatos (MPEG1, MPEG2 e MPEG4) e calidades dependendo da velocidade de conexión e do uso que se lles vaia dar.

Dentro de Moving Images cómpre salientar un subapartado denominado Arquivos Prelinger (Prelinger Archives). Creados en 1983 en Nova York polo cineasta e escritor Rick Prelinger, estes arquivos son unha colección que recolle material fílmico considerado efémero, en especial filmacións caseiras, documentais, material publicitario, promocional r educativo.

A colección completa -unhas 4.000 películas, a maioría en VHS- foi adquirida pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos en 2002. Estímase que os Prelinger Archives aglutinan o 10% da produción de material efémero rodado entre 1927 e 1987, antes do “boom” do vídeo doméstico. En Arvhive.org hai dispoñíbeis preto de 2.000 arquivos.

No apartado de audio, ademais de audilibros e MP3 hai dispoñíbeis concertos en directo de miles de bandas, desde mitos como Grateful Dead, que conta incluso cun apartado propio, ata formacións consolidadas pero descoñecidas para o gran publico como Caléxico, pasando por uns renacidos -e renovados- Smashing Pumpkins, e os sempre eclécticos Hank William III e Ryan Adams.

Os textos tamén teñen o seu espazo en Archive.org. Na sección Text Archive atópanse as coleccións American Libraries, Canadian Libraries, Universal Library e Children´s Library, así como libros achegados pola comunidade de usuarios. Mención especial merece o Proxecto Gutenberg, que agocha obras como Alice's Adventures Under Ground, unha edición facsímil do libro que se convertería máis tarde en Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll.

Internet Archive pon así mesmo a disposición dos usuarios software e aplicacións que quedaron desfasadas, pero que resultan necesarias para ter acceso a documentos que non soportan os novos programas. Nesta sección salienta a colección Tucows Sofware Library, a biblioteca de software gratuíto máis grande de Internet.

Artículos relacionados:
Bibliotecas digitales, una nueva revolución mediática
La Complutense en Google Books

26 de setembro de 2007


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.