Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Sen saír da casa > Reportaxes > Xardinería
Plantar nas ventás
Plantas nas ventás

A miúdo as ventás son o único lugar da casa que nos permite ter plantas, ben sexa no interior ou no seu exterior. Tamén supoñen, xunto coa entrada, unha parte moi visíbel da nosa vivenda dende o exterior.

Isto fai que o seu aspecto resulte importante se desexamos crear unha boa imaxe do noso fogar. A colocación das plantas nas ventás debe levarse a cabo en función do gusto particular de cada persoa, así como do estilo de cada casa. Polo tanto, só son necesarias certas normas de sentido común, e algúns consellos sobre as especies vexetais máis adecuadas para conseguir o efecto desexado.

En primeiro lugar, hai que elixir o recipiente máis axeitado, tendo en conta o espazo dispoñíbel. En xeral as xardineiras alongadas adáptanse ben ao peitoril de calquera ventá, e permiten en menos espazo conter unha maior cantidade de terra, o que sempre resulta beneficioso para as plantas. Por outra banda, os testos redondos e separados, permiten crear xogos de alturas, e son máis cómodos se queremos que haxa un cambio continuo nas especies elixidas.

En canto ás plantas, hai que decidir ante todo se se optará por utilizar flores de tempada, que se cambiarán totalmente en cada estación, ou se se prefire algo permanente. Outra opción consiste en combinar especies perennes que creen unha estrutura permanente, con outras vivaces que acheguen notas de cor, nun momento determinado, ou con plantas de flor de tempada que se substitúan en cada estación; esta é probabelmente a opción máis doada de manter, resulta ademais moi atractiva.

Se ademais se combinan plantas máis compactas, de aspecto máis formal, con outras que formen masas que tendan a colgar, o conxunto pode ser moi atractivo.

Entre as de tempada podemos citar os pensamentos e as violas, de numerosas cores, que se dan ben en calquera exposición, e aguantan ata que empeza a facer calor. As prímulas, en cambio, prefiren a sombra polo que se dan mellor en ventás orientadas ao norte. As margaridas mantéñense bonitas durante todo o inverno se lles dá o sol, polo que é mellor colocalas en ventás sur ou leste. No verán as petunias, surfinias, lobelias, xeranios, xeranios de folla de hedra, gazanias, e todo tipo de caraveis e caraveliñas, preferirán as ventás máis soleadas da casa, mentres que as ventás máis sombrías suporán un agradábel refuxio para as alegrías. Esta mesma exposición é boa para os ciclamen que florecen no inverno, pero manteñen as follas bonitas durante todo o ano.

Entre as especies perennes debemos elixir arbustos que soporten ben a vida en testo e que ademais non medran moito en altura, para evitar que quiten luz no interior ou que impidan as vistas agradábeis. Unha das mellores é o buxo, aínda que se está nunha exposición moi soleada, haberá que estar pendente da aparición de araña vermella.

durillo é tamén moi resistente e adáptase a calquera condición.
 
Unha especie moi axeitada para ventás con orientación sur é Pittosporum tobira ou pitosporo, variedade "nana", que se estende en masas, pero non alcanza unha grande altura, tamén o  Evonimus pulchellus é un pequeno arbusto que prefire sol e que presenta unha follaxe de pequenas follas douradas ou prateadas, dependendo da variedade. E por suposto, a grande maioría das aromáticas son aptas para esta orientación.

O leste é unha exposición privilexiada, xa que goza do sol matutino, o mellor, tanto no inverno coma no verán, polo que quizais se poida correr o risco con especies máis delicadas como por exemplo as hebes ou mesmo as camelias (Camelia Sasanqua é máis resistente que Camelia Japonica).

As ventás orientadas ao oeste son quizais as máis difíciles; durante o inverno non ven o sol, pero no verán téñeno que padecer dende o mediodía ata que se pon, polo que se impón utilizar especies moi sufridas e resistentes, ou decantarse por utilizar diferentes plantacións ao longo de ano como xeranios no verán e bulbos nos meses máis fríos.

16 de xaneiro de 2004


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.