Convértese no material estrela da tempada. É un produto vivo, cambiante e sensíbel aos factores externos, como a climatoloxía e a luz. Estas características revalorízano en carpintería, pavimentos e exteriores.
A volta da madeira é unha das tendencias decorativas actuais. Así o confirmou a principal pasarela de deseño e interiorismo do mundo, a Feira do Moble de Milán, celebrada en abril de 2007. Nesta convocatoria, a madeira presentouse na súa versión máis natural: dinámica, cambiante e coas vetas irregulares.
Descóbrense novos usos e utilidades e perfílase como o material por excelencia da primeira década do século XXI. O máis innovador é a súa entrada como pavimento en baños e cociñas, estancias cuxas características de humidade e cambios de temperatura dificultan a súa instalación. Porén, a demanda do usuario para colocar tarima nestas habitacións, obrigou aos fabricantes a incluír propostas apropiadas para as mesmas que proceden habitualmente de especies tropicais, máis acostumadas ás variables térmicas. As madeiras máis recomendábeis para baños, cociñas e exteriores son as exóticas, orixinarias de África, Asia, Centroamérica e Sudamérica, como o ipé-lapacho, a teca, o iroko, o bambú, a jatoba e o elondo.
Estes espazos complétanse con módulos, estantes, listóns, bancos, armarios, encimeiras e mobles auxiliares realizados tamén en madeira de diferentes tonalidades e grosores. Cociñas, baños e exteriores realizados na súa totalidade con este material están en alza. Pese aos espectaculares resultados, o consumidor debe coñecer os inconvenientes e o encarecemento de custos que supón colocar madeira sobre o pavimento nestas áreas. Como alternativa, os fabricantes aconsellan o emprego de laminados e sintéticos (de imitación a madeira) ou de produtos cerámicos con aparencia de parqué.
Onde a madeira se libera de complexos e complicacións é nos salóns e dormitorios, zonas que potencian as súas calidades e nas que a instalación non atopa dificultades adicionais. Decantarse a favor do parqué significa non poder pisar o solo durante uns días tras a súa instalación, pero a cambio se obteñen unhas plaquetas que admiten bastantes lixados e que lle permiten ao usuario a elección do tipo de verniz. A tarima flotante pódese pisar rapidamente e colócase de forma sinxela co sistema clic (un traballo que pode acometer calquera afeccionado á bricolaxe se segue as instrucións do fabricante), pero vén vernizada de fábrica e admite menos lixados que o parqué, polo que ten menos vida útil.
Falsos mitos
É preciso acabar con algunhas ideas equivocadas acerca do produto, como a que o relaciona cunha limpeza e mantemento excesivamente complicados. É verdade que ao ser un material vivo, débeselle prestar máis atención que ao gres ou a cerámica, pero tampouco os seus coidados son excesivos. Os solos de madeira quedan perfectos se se lles pasa a diario unha mopa lixeiramente humedecida e se semanalmente se aspira o po. Unha vez ao mes, pódeselle aplicar sobre os pavimentos vernizados un produto específico para abrillantar e eliminar as manchas difíciles. Calzar os mobles para que non se dane a madeira e evitar o derrame de líquidos sobre a mesma son accións que poden contribuír á súa conservación. Con este programa de limpeza, parqués e tarimas lucirán perfectos durante moitos anos.
Outro mito que convén erradicar é o que asocia a madeira coas deforestacións no Amazonas e noutras zonas do planeta. Nada máis afastado da realidade en opinión de fabricantes e distribuidores, quen apuntan que grazas á industria da madeira se manteñen os bosques, ademais de favorecer a xeración de riqueza e emprego nestas áreas.
Os implicados nesta industria argumentan que a madeira é o único elemento que cumpre os dous requisitos do protocolo de Kyoto, pois durante o seu crecemento, as árbores actúan como sumidoiros de CO2, e nos seus procesos de fabricación/manipulado requírese menos enerxía da que se precisa no caso doutros materiais.
Este sector amósase moi concienciado coa ecoloxía e o respecto ao medio ambiente, algo que se comproba observando a súa progresiva e crecente adhesión aos selos forestais de cadea de custodia. Salienta o Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal, unha ONG que agrupa a todos os participantes no sector e que emite unha certificación e o correspondente etiquetado de derivados da madeira. O selo FSC garante a correcta xestión realizada en bosques e plantacións e inclúe o seguimento do produto forestal ao longo de todo o seu proceso de transformación ata a súa distribución final.
Artigos relacionados:
> Novos materiais para o fogar
> Paixón polo estilo colonial
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.