As novas tendencias gastronómicas puxeron de relevo que na restauración actual hai aspectos que poden chegar a ser aínda máis importantes que os propios alimentos. Unha destas novas correntes é o denominado Show Cooking ou cociña espectáculo, que consiste en preparar os alimentos diante dos comensais da forma máis espectacular posible.
A cociña durante moito tempo estivo rodeada de hermetismo e secretismo. Ata hai relativamente pouco, os grandes cociñeiros gardaban as súas receitas con gran celo. Pero cociñar á vista dos clientes non é algo novo. No pasado, non eran poucos os profesionais que apostaban por amosarlles as súas calidades ao publico para que se deleitase coa súa arte. Así, non era estraño ver a un "maitre" terminando de cociñar algún prato ao lado do cliente antes de servilo.
Os inicios do Show Cooking en España pódense situar na década dos 70, cando na hostalería se comezou a implantar o servizo de bufé. Hoxe en día, moitos restaurantes, tanto urbanos como de costa, ofrecen para satisfacción dos seus clientes cociña en vivo tanto para o almorzo como para a comida e a cea. Se se dispón da infraestrutura necesaria, este sistema é ideal para hoteis grandes ou pequenos. Tamén para restaurantes que queiran prescindir de carta. O cliente observa os produtos e elixe o que quere tomar.
Que se cociña
Nun Show Cooking pódese cociñar practicamente de todo. Os restaurantes débense adaptar a unhas infraestruturas materiais e ter en conta o número de clientes, persoal e orzamento do que se dispón.
Pódense definir varios tipos de cociña en vivo en función do material dispoñible. Con só unha prancha, pódense servir almorzos con ovos, tortillas, touciño, xamón ou crepes, e para a comida e a cea, carnes e peixes.
Se ademais se dispón dunha frixideira e dun cocedoiro de pasta, pódense incorporar patacas fritas e todo tipo de frituras, así como pasta alimenticia de distintas variedades cocida ao instante, principalmente para a comida e a cea.
Se se conta con varios lumes, tamén se poden cociñar e servir ao momento pratos máis elaborados tales como estufado ou paella. E se a todo isto s elle engade un forno, pódense preparar diante do comensal croissants, pans, canelóns e todo tipo de gratinados, carnes e peixes.
Vantaxes e desvantaxes
A elaboración de pratos en vivo para servilos ao instante ten principalmente vantaxes, tanto para o cliente como para o restaurante. A principal é que soamente se cociña o que se vai comer, co que se evita que sobren alimentos preparados que na maioría dos casos acaban no lixo. O aforro económico para o local é, polo tanto, evidente.
O cliente ve como lle preparan en directo o que vai comer. Deste xeito evítanse suspicacias perante os produtos e a súa manipulación. Ademais, o comensal ten a seguridade de que non lle están servindo comidas que fosen requentadas ou elaboradas con antelación. Así mesmo, pode decidir como quere que lle preparen un determinado prato para que estea ao seu gusto.
Pola súa parte, o profesional que elabora a comida ten, en certa medida, que cambiar os seus modais e formas de traballar, máis hixiénicas se cabe. O Show Cooking pode axudar a eliminar vicios ou malas costumes que pode adquirir o traballador cando está oculto entre os fogóns, acrecentando así a súa profesionalidade.
Entre os inconvenientes desta fórmula, non van máis alá da falta de preparación do persoal, que se pode solucionar a curto prazo.
Artigos relacionados
- Bistronomie, alta cociña a prezos económicos
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.