Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > Suxestións do chef
San Valentín, velada romántica na casa

Aínda que a data acostuma ser a escusa perfecta para gozar dunha cea fóra da casa, outra opción para celebrar o 14 de febreiro é converterse en chef por unha noite e preparar unha velada romántica na casa, de forma que, cun menú delicioso e á vez sinxelo de preparar, se consiga unha auténtica sorpresa para a parella.


Ante todo, deben coidarse os detalles. A habitación onde vaia prepararse a mesa deberá estar limpa e ordenada e terase en conta que unha mesa máis ou menos pequena favorece a intimidade. Prepararase de forma que os comensais se atopen cara a cara. 

Hai que comezar colocando un mantel ben liso e sen engurras (nada de manteis individuais) e coidar que os panos de mesa non teñan manchas. Por suposto, os de papel quedan excluídos. Pódense colocar encima do prato se este é plano ou tamén á esquerda, xunto ao garfo. Disporase a vaixela e, en caso de dispor de baixopratos tamén se colocarán, deixándoos no transcurso da velada e servindo os pratos sobre estes. No tocante á cristalaría, disporanse as copas segundo a orde na que se vaian consumir, comezando pola dereita: viño tinto ou branco (para carnes ou peixes), auga (sempre debe colocarse) e cava (para as sobremesas). 

Os cubertos colócanse seguindo a orde de uso, de forma que os primeiros en utilizarse se poñen na parte máis externa. O garfo á esquerda e o coitelo (co gume cara o interior) e a culler, á dereita. 

Velas e flores
····· Para crear un ambiente cálido, tal e como a ocasión o require, pódense colocar varias velas, sempre que no entorpezan a visión entre os comensais. Neste sentido, en lugar de colocar candelabros, pódese optar por velas anchas ou de deseño que non precisan soporte. Nas tendas de decoración hai numerosas opcións. Se se desexa, e en función do tamaño da mesa, pódese adornar esta cun pequeno centro de flores, sempre que non abafe o espazo da cea con excesivos detalles. Un toque final dentro da ambientación será a música, a gusto dos comensais e cun volume que permita o desenvolvemento da conversa sen estridencias. 

Á hora de escoller o menú é importante ter en conta os gustos da persoa á que se vai sorprender con esta cea. Ao tratarse dunha comida nocturna, recoméndase que os pratos sexan preferentemente lixeiros e que se eviten sabores excesivamente picantes ou exóticos. 

Pódese comezar cun aperitivo ou cun consomé. A continuación, pódese elixir un entrante suave como uns follados de foie con mazá (tamén se pode substituír a mazá por uns fungos) ou ben uns roliños recheos de vexetais e aguacate (moitas veces se falou do carácter afrodisíaco deste froito). 

O segundo prato pode ser tanto de carne como de peixe, aínda que se recomenda este último, porque é de dixestión máis fácil. Unha robaliza ao fiúncho, acompañada de froitos secos, é unha receita acertada. De calquera forma, tamén é posíbel decantarse por un confeito de pato con laranxa amarga e viño branco, un corazón de solombo ao viño tinto, un rosbif con queixo ou un carpaccio de foie.

Marisco e cava
····· Para unha cea romántica tamén resulta moi indicado preparar un prato de marisco, como poden ser uns camaróns con crema de cava. Para isto, lávanse ben as pezas e colócanse nunha fonte untada con manteiga. Por outra parte, para elaborar a salsa (pode facerse de véspera), derrétese manteiga nunha tixola, sofrítese allo e agrégase fariña ata formar unha pasta. Engádese cava e remóvase constantemente ata que ferva un pouco, sazonando despois con sal e pementa. A continuación agrégase carne de cangrexo natural, champiñóns (previamente cortados en láminas e pasados pola tixola) e tomates sofritidos. Con todo isto prepárase a salsa. 

Por outra parte, prequéntase o forno a potencia media, vértese a salsa sobre os camaróns e déixanse durante un cuarto de hora aproximadamente, ata comprobar que están no seu punto. Sérvense adornados cunhas ramiñas de perexil fresco. 

Para finalizar, nada mellor que unha sobremesa á altura da ocasión a base de froitas vermellas e chocolate branco e negro, ou ben unha suxestiva  mousse de mango e tequila con escuma de framboesa ou un xeado de chocolate quente con xeado de menta, acompañado dunha copiña de cava. Por certo, cada vez é máis frecuente, en especial se se trata de celebracións, servir cava desde o principio e continuar con esta bebida durante toda a cea. Pero se esta opción non é do gusto dos comensais, sempre se pode optar por deixar esta bebida para as sobremesas e elixir un viño tinto ou rosado para acompañar a cea. Entre estes últimos, un Lambrusco ou un Peñascal serían dúas posibilidades excelentes.  

15 de febreiro de 2007


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.