Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > De dieta
Salsas para diabéticos e celíacos
Salsas variadas

As salsas, ese complemento saboroso dos pratos que deleitan aos que as degustan, poden chegar a ser un cabalo de batalla para aquelas persoas que deben coidar a súa alimentación debido a un problema de saúde ou porque están a réxime. Deben controlar os ingredientes que inxiren pero non teñen por que renunciar a estes acompañamentos na súa dieta cotiá.

Na actualidade, as porcentaxes de persoas que padecen obesidade aumentan progresivamente en todo o mundo e con eles o equivalente dos que desexan poñer freo e recuperar o seu peso orixinario. 

As salsas, esenciais na cociña, resultan un obstáculo para superar para aqueles decididos a rebaixar os seus quilos. Polo xeral, as dietas para adelgazar recomendan comer carnes magras, sen pelello nin pel e evitar as salsas, especialmente as feitas con fariña ou a salsa maionesa. Aínda así, hoxe en día existen no mercado maionesas baixas en calorías que poden substituír perfectamente á caseira, xeralmente máis calorífica. 

Se resulta difícil renunciar a estes deliciosos acompañantes, poden utilizarse algunhas salsas que inclúen  iogur natural desnatado, rebaixado con zume de limón, para engadir a unha ensalada, por exemplo. Tamén se pode probar con salsa de soia, engadíndolle algunha especia ou herba aromática. Cando se vaia preparar salsas de leite ou bechamel, ademais do aceite de oliva pódese empregar leite desnatado, e o mesmo para as de queixo, que poden elaborarse con queixo parmesano. 

Polo xeral, é desaconsellábel nestes casos comprar salsas comerciais porque poden conter graxas ocultas. É preferíbel cociñar unha salsa de tomate natural na casa, a lume lento e sen aceite, engadíndolle herbas aromáticas como ourego, tomiño ou menta. 

Diabéticos, dieta baixa en graxas
Os médicos recomendan que as persoas que padecen diabete procuren evitar as salsas, a fariña e as substancias graxas xa que ademais, esta enfermidade adoita estar asociada ao exceso de peso, co que hai que controlar as calorías. Por iso, é mellor evitar as salsas que non sexan caseiras, xa que teñen moito azucre engadido. 

Non obstante, existe a posibilidade  de elaborar maionesas dietéticas, a base de queixo descremado, mostaza en po, unha xema de ovo cocida e zume de limón, ou ben maionesas sen ovo. Tamén poden ser de remolacha, de soia, licuando este vexetal con cenorias, pementos vermellos, zume de limón, allo picado, aceite e sal ata conseguir unha consistencia cremosa ou ben maionesa vexetal. 

Para elaborala, férvense primeiro patacas e cenorias e incorpóranse posteriormente a unha licuadora, onde se mesturan con allo, aceite de oliva, xenxibre en po, zume de limón e sal. Despois déixase arrefriar antes de servir. Outra opción é facer unha salsa de iogur que se pode botar sobre as ensaladas de verduras con froitos secos. 

Celíacos, a intolerancia ao glute
As persoas celíacas son outro colectivo que debe vixiar escrupulosamente os alimentos que inxiren xa que, ao non asimilar a proteína dos cereais, poderían padecer lesións na mucosa intestinal en caso de dixerilos por erro. 

Algúns alimentos de consumo tan habitual como os produtos de panadaría, pastas alimenticias, espesantes, as salsas e outros condimentos utilizan fariñas ou derivados para a súa elaboración que, neste caso, deben ser substituídas por alimentos sen glute. 

Hai que ter en conta que, en moitos casos, esta enfermidade vai acompañada dunha intolerancia á lactosa, polo que tampouco se poden inxerir alimentos que conteñan este hidrato de carbono e hai que prestar especial atención á inxestión de calcio. Isto inflúe á hora de espesar salsas, que habitualmente se ligan con fariña. Para substituíla pódese empregar a fariña de millo ou de arroz, que tamén serve para facer pan na casa. Polo xeral, deben limitar as graxas de condimentación, como aceites, manteigas ou crema de leite e este grupo engloba tamén as maionesas caseiras ou as salsas elaboradas con ovo, queixo e nata ou outros ingredientes graxos. 

Pode elaborarse unha bechamel para celíacos, refogando fariña sen glute con manteiga e aceite. Tamén pode substituírse a fariña por maicena en cuxo caso non se refoga senón que se disolve en leite frío para evitar que se formen grumos e continúase engadindo leite sen deixar de remover ata que se consiga o espesor desexado. 

Os celíacos deben prestar especial atención ás salsas preparadas e non consumir aquelas cuxa elaboración non estea ben controlada. En contrapartida, poden empregarse os viños como ingredientes flamexados para facer máis saborosas receitas de salsas.  

1 de marzo de 2006


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.