
A macrobiótica é unha filosofía da alimentación que se presenta como o camiño ideal para obter o equilibrio físico, emocional e espiritual. Nacida en extremo Oriente, ofrece vías alternativas para controlar a saúde e a enfermidade e lograr que os produtos que se inxiren lle outorguen ao organismo o maior benestar posíbel.
A macrobiótica naceu en Xapón hai máis dun século como unha terapia capaz de aliviar un bo número de doenzas a través da nutrición. Hoxe en día mantén as súas características curativas, pero son moitos os que sen padecer un mal concreto a adoptan como o xeito habitual de alimentarse, buscando así o equilibrio que necesita o organismo.
A súa raíz atópase nunha idea bastante simple: moitos problemas de saúde teñen a súa orixe na mala asimilación dos alimentos e para compensala, o organismo desenvolve mecanismos e procesos que son os que coñecemos como enfermidades. Polo tanto, calquera medicamento, sexa cal sexa a súa orixe, pouco pode facer contra elas se non se soluciona o problema de fondo, é dicir, o que como. É importante saber que a macrobiótica considera males non só os que desequilibran fisicamente ao corpo, senón tamén aqueles que o prexudican emocional e espiritualmente.
A dieta macrobiótica é basicamente vexetariana e aséntase sobre a filosofía do yin e do yang, ou do equilibrio de forzas contrarias e complementarias que deben convivir en harmonía. Así, existen alimentos yang ou yin que deben combinarse de tal forma que non falte ningún deles, pero que tampouco os haxa exceso. Unha vez que se coñecen as características de cada produto, abonda con introducilos na dieta diaria compensando a súa cantidade e a frecuencia coa que se consomen. Ao principio, isto require certa disciplina, pero despois dun tempo asimílase como un hábito de vida máis.
En xeral, fóxese dos alimentos pouco naturais, é dicir aqueles que foron envasados e procesados, como acontece cos refinados. Se a carne e o peixe están presentes, sobre todo por razóns terapéuticas, debe ser en cantidades mínimas. Os ovos han de consumirse con moderación, mellor formando parte de masas ou salsas.
A base da dieta son os cereais, os legumes, os vexetais, os lácteos, os cogomelos, as froitas e as algas. Por suposto, todos eles nas súas versións integrais e sen tratamentos con fertilizantes nin pesticidas.
Respecto ás características dos alimentos, considéranse yang aqueles que outorgan calor e enerxía, como os legumes, os cereais e as verduras de raíz.
Pola contra, son yin os lácteos, as froitas e as verduras que non son de raíz.
As estacións do ano e os períodos de frío e calor, tamén requiren a inxesta de determinados alimentos: como o inverno é un período yin, a dieta deber ser rica en produtos yang ou enerxéticos mentres que o verán, que é un período yang, debe contar cos alimentos do seu contrario.
Tamén teñen unha presenza fundamental na dieta as algas, así como alimentos propios da cociña oriental, como a soia nas súas distintas versións e outros ricos en proteínas como o seitán. Respecto ás bebidas, ademais da auga, recoméndase tomar té verde.
É moi importante preparar os produtos da forma máis natural posíbel, sobre todo ao vapor, mastigar moi ben e non mesturar ou comer á vez os distintos pratos que compoñen o menú. Este debe variar ao longo do día, cun almorzo a base de té, unhas galletas de arroz e un pouco de paté vexetal, por exemplo, e unha comida con legumes, arroz integral, un pastel de mazá e queixo de soia. Para a cea poden ir ben uns cogomelos cunhas verduras e tamén arroz.
Á hora de preparar as receitas hai que ser imaxinativo, procurando satisfacer o padal á vez que a saúde e botar man de libros de receitas macrobióticas que poidan axudar a conseguilo. É o mellor xeito de evitar que macrobiótico se converta en sinónimo de comer de forma aburrida e insatisfactoria.
Todos os produtos que compoñen a dieta macrobiótica son moi saudábeis, elabóranse de forma sa e son ricos en vitaminas, fibra e sales minerais. O problema pode chegar pola súa falta de proteínas de calidade, presentes sobre todo nos produtos de orixe animal, aspecto que se debe compensar cunhas combinacións acertadas de cereais e legumes. Isto require un bo coñecemento das pautas nutricionais básicas e un asesoramento axeitado.
A macrobiótica parece dar resultado para previr problemas cardiovasculares, xa que é moi baixa en graxa, mesmo para evitar a aparición de certos tipos de tumores pola súa riqueza en fibra, pero tamén é unha arma de dobre fío. As súas posíbeis desvantaxes tradúcense en deficiencias de ferro e vitamina B12, perda de masa muscular e mesmo anemia. Por iso antes de lanzarse a seguir unha alimentación deste tipo, é recomendábel informarse axeitadamente por expertos en nutrición e dietética, para así lograr gozar de todas as súas bondades, sen renunciar a ningunha substancia elemental para o organismo.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.