
Lambetadas e caramelos representan un auténtico tesouro para os máis pequenos e se por eles fose, constituirían a base da súa alimentación. Evidentemente, ningún adulto permite semellante aberración dietética, aínda que son poucos son os que se resisten a non satisfacer o capricho algunha vez. Pero, ¿realmente resultan tan perniciosas como se di? No coñecemento e na moderación está a resposta.
Doces e pequenas tentacións de cores e formas rechamantes, as lambetadas atraen á gran maioría dos nenos. A súa demanda atopa nos adultos respostas que van dende o si permanente e o consumo sen control ao non taxativo e a imposibilidade de probalas. Entre unha e outra posturas existe un arco de alternativas case infinito.
Mala imaxe
A verdade é que a fama dos caramelos, das gomas de mascar e os chuches en xeral é mala e existen razóns reais que a avalan. En primeiro lugar, son moi ricas en azucre, o que incide no sobrepeso e na obesidade, un problema que está alcanzando proporcións alarmantes entre os máis pequenos. Por outro lado, o consumo excesivo de azucre dana os dentes xa que, mesturado coa saliva, activa o desenvolvemento dos microorganismos que provocan as caries. Por outra parte, ao comer lambetadas en exceso estase ocupando o lugar doutros alimentos máis sans e con maior calidade nutritiva, de tal forma que a dieta xeral se ve afectada e desequilibrada, e pódense producir carencias vitamínicas e doutros tipos. Ademais, tomar caramelos e caremelos de goma a todas as horas non é a mellor forma de xerar hábitos alimenticios correctos, os cales deben fomentarse dende a infancia.
Consumo responsábel
Calquera dieta saudábel se basea nun concepto xeral: a moderación. Prohibir as lambetadas sen máis faría a vida dos nenos bastante máis infeliz sen que con iso se conseguise ningunha melloría radical da súa calidade de vida. Lonxe de aconsellalas como un elemento indispensábel da dieta (pódese vivir sen consumilas), é xusto falar da súa composición e do que ofrecen ao organismo.
O seu compoñente principal, o azucre, resulta un inimigo da saúde se se consume sen freo, pero tomado en cantidades axeitadas é necesario e non prexudica en absoluto. Hai que recordar que a glicosa é o alimento fundamental do cerebro, achegándolle a enerxía que precisa. Igualmente é necesaria en momentos concretos nos que o gasto enerxético do corpo é alto, como cando se practica unha actividade física forte superior á normal.
Por outro lado, variedades como os caramelos de goma levan xelatina que achega proteínas sen conter practicamente graxa. Respecto ao tema do sobrepeso, hai que recordar que un caramelo ou unha goma de mascar contén 17 calorías e cinco deles ofrecen a mesma achega enerxética que unha porción individual de marmelada. Polo tanto o que hai que evitar é as enchentes frecuentes, non o feito de comelos de cando en vez.
Os consellos dos profesionais
O azucre incide na aparición de carie, pero é só un factor desencadeante e, dende logo, non o máis importante. Se se practica unha boa hixiene dental, cepillando os dentes tres veces ao día, e se utilizan pastas dentífricas con flúor o consumo de lambetadas non ten por que determinar o desenvolvemento do problema. Todas estas conclusións son parte dun estudo desenvolvido e avalado pola Asociación Española de Dietistas e Nutricionistas. Iso si, é mellor comer os caramelos e as gomas de mascar dunha vez, que estar consumíndoos en distintas doses ao longo de varias horas ou dun día. A razón estriba en que o risco de que se desenvolvan microorganismos na boca ten que ver coa frecuencia da inxestión de azucre. Ademais non hai que esquecer que hoxe existen no mercado gomas de mascar e caramelos que non conteñen azucre, senón edulcorantes, e variedades enriquecidas con vitaminas e minerais, mesmo fibra, que en ningún momento deben substituír a ningún alimento, pero si poden contribuír a enriquecer a dieta.
As lambetadas non teñen por que desaparecer da vida dos máis pequenos nin dos adultos. Non está de máis recordar que a atracción polo sabor doce é unha preferencia innata no home (a diferenza do salgado, cuxa predilección é aprendida) e ao
acharse escrita no noso código xenético, resulta verdadeiramente difícil non satisfacela
de cando en vez.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.