Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > De dieta
O milagre de adelgazar
dietas milagro

Unha vez pasado o Nadal e os seus inevitábeis excesos na mesa, adoitan chegar os sustos na báscula e a urxencia de poñerlles remedio o antes posíbel e con resultados rápidos. Esta situación convértese en campo fertilizado para as coñecidas como dietas milagre. Trátase de plans de adelgazamento, que prometen unha perda de quilos espectacular en moi pouco tempo. Pero fronte a elas xorden algunhas dúbidas importantes, como ata que punto son eficaces e se poden resultar perigosas para a saúde.


Ofrecen cifras realmente tentadoras, nas que o número de quilos que se perden é inversamente proporcional aos días que se empregan para conseguilo. Baixo esta consigna, decenas de dietas milagre circulan en medios de comunicación e libros como a solución inmediata ao exceso de peso, incrementando o seu número de seguidores despois do nadal ou ao chegar a primavera, cando se impón a operación bikini.

¿En que consisten?
Sexa cal sexa o seu nivel de éxito, trátase de plans controvertidos que deben contemplarse sempre dende a prudencia.

Entendemos por dietas milagre aquelas que prometen rebaixar un bo número de quilos en moi pouco tempo, que non contan con bases científicas serias que as avalen e que restrinxen enormemente o número de calorías e de alimentos que se poden comer. É frecuente que leven o nome do doutor que as inventou, do centro médico onde se aplican, dun famoso ou dunha famosa aos que lles foron de marabilla ou que se denominen co produto estrela que lles serve de base (pomelo, sopa, alcachofa, entre outros).

En xeral, trátase de réximes moi desequilibrados, que non achegan todos os nutrientes que precisa o organismo e cos que efectivamente se logra recortar peso ao seren moi hipocalóricos. Outra das razóns polas que se adoita lograr isto último é a súa monotonía: a escasa variedade de pratos e ingredientes converte o feito de comer en algo aburrido e pouco apetecíbel, o que se traduce nunha inxestión menor de alimento.

Perda de masa muscular
Pero do que se fala pouco é de que os quilos que se perden non pertencen á masa graxa do organismo, senón á muscular, polo que non se pode considerar que exista un recorte de peso en sentido estrito. Finalmente, estes plans adóitanse seguir durante uns días e ao non modificar hábitos alimentarios nin estabelecer pautas nutricionais que se poidan manter no tempo, a ganancia de peso é case inmediata unha vez rematados.

Un perigo ao axexo
Mesmo algunhas teorías falan de que se se abusa deles, sometendo o metabolismo a constantes vaivéns, cada vez se fará máis complicado poder adelgazar.

Entre as razóns que poden converter as dietas milagre en perigosas están deficiencias en vitaminas A, C, E e tamén do grupo B, algúns minerais, como ferro e cinc, e proteínas. De todos os xeitos, as carencias dependen da composición de cada unha delas, dos alimentos que primen e daqueles que prohiban. Se escasean as froitas e verduras, veranse minguados os niveis de vitamina C e A, se faltan alimentos de orixe animal, a vitamina B. No caso de que o consumo de graxas se vexa moi reducido, producirase unha pobre asimilación de vitaminas liposolúbeis (A, D e E). Se todo iso pode carrexar problemas nunha persoa sa, nin que dicir ten dos nefastos efectos que pode ocasionar en nenos, anciáns ou en quen sufra trastornos de saúde.
 
Efectos secundarios
Unha vantaxe desta clase de dietas está na súa duración, que adoita ser moi curta, sempre que se sigan os tempos recomendados. Isto tradúcese en que as súas potenciais consecuencias negativas veranse diminuídas e que o sangue non adoite chegar ao río. Aínda así, en ocasións aparecen mareos, hipotensión, diarreas, mesmo un aumento dos niveis de colesterol. As dietas baixas en proteínas poden dar lugar a arritmias, mentres que aquelas que son ricas nelas e pobres en hidratos de carbono poden ser a orixe da descalcificacións ósea e de problemas renais.

Parece claro que aínda que as dietas milagre procuren unha perda de peso importante, o fan cun custo demasiado elevado para a saúde e o benestar. Os expertos falan de que os plans de adelgazamento correctos promoven rebaixas duns tres quilos ao mes, son equilibrados, non implican pasar fame e xamais deben baixar de 1.200 calorías diarias. Ademais manteñen unha proporción correcta de nutrientes, cun 60 por cento de hidratos de carbono, un 20 de graxas e outro 20 de proteínas.
 
Por todo isto,  o mellor é contar coa asesoría dun profesional que adapte a dieta ás necesidades e características de cada persoa. Empregar tres días para rebaixar uns quilos que se volverán gañar en menos dunha semana e xogar de paso coa saúde non parece un investimento moi vantaxoso.

5 de xaneiro de 2005


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.