Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > ... > Cociña > Reportaxes > De dieta
Comer san fóra da casa
Comida sana

Unha vez recuperada a rutina do traballo, as obrigas cotiás e a falta de tempo volven formular, en moitas ocasións, a necesidade de comer fóra da casa. Créase así un cambio nos hábitos alimenticios. Non obstante, isto non é unha razón para non levar unha dieta equilibrada, tanto se se come na propia oficina coma se se xanta nun restaurante.


Os estudos confirman que para levar unha dieta equilibrada hai que achegarlle ao organismo un 15% de proteínas da achega calorífica total, un 55-60% de glícidos e que os lípidos non superen o 30% do total. Non obstante, hai que ter en conta tamén outros factores como son a actividade física que realiza diariamente cada persoa ou o clima propio da zona onde se reside. Cando as xornadas laborais son longas, adoita ser habitual petiscar algo entre horas.  É recomendábel que estas comidas se preparen na casa para levalas ao lugar de traballo. Deste xeito evitaranse os alimentos con elevadas porcentaxes de azucres e graxas. Algunhas opcións son os petiscos de tomate con queixo branco, roliños de xamón con queixo no seu interior, unhas cenorias peladas e cortadas en barriñas ou engadir anaquiños de ananás en iogures naturais. A primeiras horas da mañá recoméndanse especialmente as froitas e os iogures, froitos secos cara ao mediodía, unha infusión a primeira hora da tarde para axudar a facer a dixestión ou unha barriña de cereais e xamón de York se xa está avanzada a tarde. Unha vez chegada a hora de comer, convén evitar acudir de forma recorrente aos típicos bocadillos ou hamburguesas porque, aínda que sacian o apetito en pouco tempo, achegan moitas calorías e dieteticamente falando, son comidas desequilibradas. Polo xeral, os estabelecementos de comida rápida ofrecen alimentos ricos en graxas saturadas e colesterol, con grandes proporcións de hidratos de carbono e baixos en fibras vexetais. Pero se se acode a un "fast-food"  pódense incluír ensaladas como complemento e evitar as versións "maxi" ou "dobre", as patacas fritas e os refrescos, xa que adoitan conter grande cantidade de azucres. Evitar as graxas
É moito máis recomendábel preparar alternativas doadas de levar á oficina, como poden ser unha ensalada de vexetais con queixo, sándwichs vexetais, e mesmo cociñar peituga de polo á grella con verduras fervidas, ventresca con pementos do piquiño ou unha ensalada de pasta fría con tomate seco e alfábega que pode acompañarse cun pouco polo frío. Seleccionar alimentos baixos en graxas axudará a controlar o peso e manter unha boa saúde. Por outra banda, cando se traballa no centro urbano sempre hai posibilidade de elixir entre numerosos restaurantes, casas de comidas e bares, onde gozar de dous pratos, café e sobremesa por prezos máis ou menos económicos. Pero hai que ter en conta que moitos estabelecementos tenden a abusar dos fritos e das elaboracións repetitivas ao longo da semana. Hai que procurar buscar locais que ofrezan unha opción sa e intentar comer a mesma cantidade que se come na casa, evitando comidas con manteiga, salsas, gratinadas ou rebozadas. Non convén combinar alimentos ricos en hidratos de carbono, como o arroz ou a pasta con peixe, carne ou ovos. Para estes segundos pratos é mellor elixir anteriormente ensaladas ou vexetais como porros, espárragos ou alcachofas. É preferíbel beber auga antes que alcohol e en todo caso, non mesturar bebidas alcohólicas, substituír o azucre por edulcorantes e evitar pratos que conteñan chocolate, leite, ou aguacate, entre outros. E na medida do posíbel elixir con calma e orde, para que unha decisión tomada con présas non bote ao traste unha comida sa. Controlar as cantidades
Outro punto importante  é non comer demasiado, porque xeralmente disponse de pouco tempo. Para iso, en lugar de pedir dous pratos e sobremesa, é preferíbel limitarse a un único prato consistente. Tamén se pode pedir como entrante unha ensalada ou unha sopa e un prato máis forte a continuación ou ben combinar o menú propio co dalgún compañeiro, de forma que se poidan degustar dous pratos que supoñan un balance nutricional máis axeitado. De calquera forma, se se segue unha dieta hipocalórica para controlar as calorías que se inxiren diariamente, loxicamente hai que vixiar que o que se come. Algunhas opcións son as seguintes: como primeiros pratos elixir os panachés de verduras, o pastel de porros e queixo, os tomates recheos ou os champiñóns salteados, ademais de ensaladas de atún, leituga, fiuncho e apio. Dentro do apartado de "pratos fortes" hai numerosas opcións como os peixes ao forno, sepia ou polo á prancha, tortilla de gambas ou costelas á brasa, entre outros. Tanto a carne como o peixe é preferíbel que estean preparados á prancha ou da forma máis sinxela, para evitar as graxas. Tamén é recomendábel substituír a gornición de patacas fritas por unha porción de verduras. O menú pode finalizar elixindo entre as froitas frescas da tempada como melón con uva, sorbete de limón, mazás ao forno ou amorodos, ben ao cava ou nunha saborosa mousse. 
 

26 de setembro de 2005


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.