Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > Casa e fogar >
Saber manexar os cubertos na mesa

Unha agradábel velada ou un compromiso importante pode transformarse nun mal rato se, ao se sentar en torno á mesa, os comensais non coñecen ben o uso correcto dos cubertos.

En ocasións, a profusión de cubertos arredor da vaixela pode crear momentos de tensión nalgunhas persoas que recorren a observar aos seus acompañantes para saber cal é o cuberto adecuado para manexar en cada momento. 

Xunto á vaixela, á altura das copas e á esquerda dos pratos de cada comensal, pero algo máis adiantado acostúmase colocar un pequeno prato onde se pon o pan, ás veces acompañado dun pequeno coitelo de forma roma. O pan córtase coa man en pequenos anacos, non se corta todo nin se morde directamente e o coitelo é para servirse a manteiga que se acostuma colocar para degustar antes de que comece a comida, nunca para cortar este pan. 

Convén saber que os cubertos están dispostos para utilizarse de fóra cara dentro, de forma que os que están máis afastados do prato son os primeiros que se precisan, agás que no mesmo momento de servir o prato se coloque un cuberto determinado. De calquera forma, ao empregar os cubertos, hai que evitar que os cóbados se apoien na mesa. 

Posicións determinadas
Os garfos colócanse á esquerda do prato e na seguinte orde: primeiro o garfo principal e logo o de peixe ou primeiro prato, mentres que os coitelos, sempre co gume cara dentro e as culleres dispóñense á dereita, así como as palas de peixe e os cubertos especiais como as pinzas para o marisco. A única excepción para colocar os garfos á dereita é cando vaian ser utilizados nun primeiro prato coa mesma finalidade que tería unha culler. Na parte superior colócanse a culler ou garfo de sobremesa e a culleriña de café.  

Cando se servise o primeiro prato, os cubertos non se deben encher demasiado, para evitar que a comida rebouse polos extremos. Se se utiliza a culler, esta métese na boca pola punta, non por un lateral. Ademais, en ocasións téndese a empregar un anaco de pan para empuxar a comida cara este cuberto, pero é algo que non se debe facer. Ao finalizar, é incorrecto deixalas dentro do recipiente xa que o seu lugar apropiado é no prato de base que o acompaña. En caso de primeiros pratos con garfo, a comida si se pode acompañar dun pouco de pan. 

Os cubertos débense levar á boca e non viceversa, é dicir, non hai que se agachar para chegar ao prato e moito menos sorber a comida ou facer ruído ao degustala. Se se come peixe, o garfo tómase coa man esquerda e a pala (que viría a facer a mesma función que o coitelo coa carne) coa dereita. Iso si, cómese exclusivamente co garfo, nunca coa pala e o mesmo sucede co coitelo normal: está terminantemente prohibido metelo na boca. En canto á carne, non se debe cortar toda en anacos antes de comezar saboreala, senón que se corta a medida que se vai comendo e acompáñase da gornición. 

Diferentes estilos
Hai dúas maneiras de utilizar o coitelo e o garfo: ao estilo europeo ou continental e ao estilo americano. No primeiro, os comensais suxeitan os cubertos en todo momento e cortan normalmente un anaco cada vez, utilizando o garfo coa man esquerda e coas púas cara abaixo para pinchar o anaco e levalo á boca, mentres que no estilo americano córtanse primeiro varios anacos, déixase o coitelo cruzado enfronte do prato e cámbiase o garfo á man dereita. Ambos son opcionais pero considérase máis correcto o estilo europeo. 

En canto ás sobremesas, a maioría se toman con cubertos, ben sexan culleriñas para os xeados ou mousses ou garfos para tortas e biscoitos. En canto ás froitas, deben pelarse e cortarse en anaquiños con coitelo e garfo. 

Mentres se está comendo e se está falando, os cubertos deben colocarse sobre o prato en forma de cuña (como se fose un reloxo, un ás 4 e outro ás 8) para indicar que aínda non se concluíu. Polo contrario, para lle indicar ao camareiro que se terminou de comer, déixanse os cubertos en paralelo sobre o prato pero ben colocados cara o centro do mesmo en posición vertical, de forma que non se tropece con eles. 

Se ao finalizar a comida hai cubertos que non se utilizaron, non fai falta colocalos no prato senón que se poden deixar sobre a mesa e retiraránse no momento conveniente. 

Artigos relacionados:
Presentación e servizo do viño
Como presentar e servir salsas


 


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.