Receitas de cociña, alimentación e nutrición, coleccionismo, calefacción, bricolaxe, mobles... Repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > Casa e fogar >
Novos materiais para o fogar

A ecoloxía, a resistencia, a capacidade para crear pezas e superficies innovadoras, a facilidade de mantemento e o confort son as claves dos novos materiais decorativos.

Sen descartar ao gran clásico, a madeira, que continúa en alza pese ás diversas tendencias e aos descubrimentos máis sorprendentes, outros materiais como a cerámica, coas súas infinitas variantes, a pedra, o cemento puído, a cortiza e o plástico comezan a soar con intensidade nas últimas décadas. Nun mes, do 14 ao 19 de maio, Fira Barcelona acollerá Construmat, o Salón Internacional da Construción, no que se presentarán preto de 50.000 produtos procedentes de máis de 4.500 empresas relacionadas co sector. 

Un dos temas importantes da Feira será a entrada en vigor do Código Técnico de Edificación (CTE), segundo o cal se obriga aos arquitectos e construtores a introducir sistemas de enerxía renovables e a incorporar materiais que contribúan ao aforro enerxético tanto nos proxectos de obra nova como nos edificios que vaian rehabilitarse. 

Cerámica 
O investimento das empresas de revestimentos cerámicos en investigación e desenvolvemento deu os seus froitos. Gran parte destas sinaturas apostaron por crear produtos de última xeración que ademais de deseños exclusivos achegan avances tecnolóxicos inimaxinábeis hai algúns anos. Un exemplo son as baldosas domóticas, que detectan posíbeis riscos como humidades, cambios térmicos bruscos ou todo tipo de bacterias.

A competitividade das firmas foi o mellor acicate para que o consumidor poida acceder a propostas realmente revolucionarias. Unha das máis recentes é a presentada por Saloni na terceira edición de Casa Pasarela, celebrada en febreiro en Madrid. Trátase de Lammax, unha innovadora lámina cerámica porcelánica para a fabricación de mobles, de 3 milímetros de espesor. Máis duro que o granito e máis lixeiro que o aluminio, este material manipúlase coas tecnoloxías utilizadas para o vidro, a cerámica ou as pedras naturais. É moi resistente aos ataques químicos e axentes atmosféricos, ademais de versátil, ecolóxico e reciclábel.

Pedra
Novamente as asociacións empresariais promoven o coñecemento deste material, cuxa variedade estrela, o mármore, sempre se vinculou co luxo e a sofisticación. O granito, a calcaria, a lousa, o basalto e o alabastro son materiais perfectos para desenvolver mesas, escaleiras, encimeiras e sanitarios de altísima calidade. Material natural por excelencia, trabállase de forma artesanal e non require tratamentos químicos. 

Cemento puído 
É unha opción en alza polas tendencias dos espazos amplos, tipo loft. Queda perfecto como revestimento de chans e paredes en cuartos de baño ou noutras estancias de interior e exterior así como para crear encimeiras e mobiliario de cociña e baño. Vai ben con estilos decorativos minimalistas, rústicos e industriais e a súa gran vantaxe é que se pode aplicar sobre os revestimentos existentes. 

Ao ser un material de construción en bruto, non posúe a calidez ambiental da madeira, o gres ou a cerámica, pero a cambio ofrece infinitas posibilidades ao entorno rehabilitado, xa que con el resulta fácil igualar os desperfectos e desniveis dos revestimentos anteriores. 

Este material elabórase con formigón, microcementos ou morteiros a base de cementos aos que se agregan bases de pedras moídas con cor ou pigmentos minerais. Desta forma obtéñense tonalidades variadas. Crea superficies lisas e continuas, brillantes, satinadas ou mates e entres as súas vantaxes salientan a resistencia, a adherencia e a impermeabilidade.

Cortiza  
A cortiza volve considerarse un material interesante polas súas múltiples vantaxes como illante acústico e térmico. Ademais é moi resistente, lixeiro e fácil de manipular, o que a converte nunha proposta práctica, funcional e fácil de manter. Comercialízase en laxas e paneis ás que se lle poden aplicar pinturas e vernices variados coas que se logran acabados perfectos. 

Plástico
Moitas variantes de plástico empréganse para a creación de mobiliario e como revestimento vertical. É o favorito de moitos deseñadores polas súas infinitas posibilidades en canto ao deseño e a cor. Con este material, algúns dos grandes nomes do deseño internacional lograron as súas creacións máis emblemáticas, como o danés Verner Panton e a súa popular cadeira Panton. Grazas ao plástico, este artista puido desenvolver esta peza curvilínea inspirada na letra S.

A madeira
Un gran clásico que non perde protagonismo, ao que recentes estudos de diversas institutos internacionais definiron como un material natural, biodegradábel, reutilizábel, illante e respectuoso co medio ambiente, pois non é tóxico e require menos enerxía que outros para a construción de vivendas. Moi empregada en pavimentos e na construción de mobiliario, a madeira pode ser un revestimento de parede perfecto. As propostas actuais incorporan nalgúns produtos índices moi baixos de absorción de humidade, unha característica que amplía os seus usos aos espazos de exterior.  


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.