
O estilo colonial xorde da fusión entre as tendencias decorativas das colonias de Asia e África, principalmente, e as liñas imperantes nas metrópoles europeas dende o século XVI ata mediados do século XX. Aínda que existen diferenzas entre as propostas de ambos os dous continentes, o estilo colonial defínese a través das seguintes claves comúns: a incorporación de materiais autóctonos, a creación de ambientes con certo grao de exotismo, o culto aos complementos e detalles artesanais e a ausencia de obxectos e mobiliario de carácter industrial.
Materiais nobres e tecidos naturais
Os materiais por antonomasia do móbel colonial son as madeiras nobres e robustas, o bambú, o vimbio e outras fibras naturais, que a miúdo aparecen combinados nunha mesma peza. En canto ás madeiras, distínguense as procedentes do sueste asiático; como a teca de Java, a de olmo, a de alcanfor, a de mango, a de papaia e a de palisandro, das africanas; como o ébano, a teca rodesiana, o iroko, a caoba, o sapeli e as reutilizadas das antigas travesas do ferrocarril. Case todas elas se presentan tratadas con cera e non con verniz.
Con estas madeiras cálidas, duras e resistentes, as creacións asiáticas combinan móbeis que incorporan bisagras, ferraxes, ornamentos dourados e traballos labrados e tallados con outros nos que prevalece a sinxeleza total. Estes últimos aseméllanse máis á tendencia africana, que destaca pola forza das súas formas e polo seu carácter primitivo e tribal.
As teas que visten os ambientes coloniais son naturais, como o liño, a seda e as fibras vexetais, entre as que destaca a fibra vexetal africana. Están feitas a man e incorporan deseños sinxelos e esquemáticos. Na gama cromática, o branco manda xunto aos crus, sobre todo nas cortinas, que deben ser lixeiras e transparentes para deixar pasar a luz. O resto dos elementos téxtiles (tapizados, coxíns e tapices) admiten máis cores, como os ocres, marróns e beixe nas casas de inspiración africana, e granates, violetas ou rosas, nas de influencia asiática.
Móbeis e complementos
Os móbeis que non poden faltar nun fogar de estilo colonial asiático son: os armarios grandes de madeira da zona; os baúis; as butacas de madeira, de fibras naturais ou de ambos os dous materiais; os móbeis de oficio, como escritorios, arquivadores e columnas de caixóns; as banquetas; as mesas auxiliares e as mesas de centro; os grandes espellos con marco de teca; os sofás con armazón de madeira ou fibras naturais e colchóns en tons brancos con coxíns de cores vivas ou crúas; as camas grandes con dosel ou mosquiteira, as vitrinas de dous corpos e os biombos.
O ambiente colonial de inspiración africana nútrese dos seguintes móbeis e complementos: mesas de centro e mesiñas auxiliares de madeiras autóctonas; cadeiras, bancos e tallos tallados a man; butacas e randeeiras de madeira ou de fibras naturais, como rafia ou vimbio; camas de madeira con dosel e cortinas vaporosas ou mosquiteira; esteiras para o chan, teas para a cama ou o sofá e tapices para as paredes; cuncas e recipientes artesanais de materiais diversos; coxíns de fibras naturais; esculturas, tallas de madeira e máscaras de guerreiro.
Os ambientes máis representativos
As dúas estancias que representan o estilo colonial por excelencia son o salón e o dormitorio. Ambas as dúas deben ser amplas, con teitos altos dos que colgarán os clásicos ventiladores de pas e moi luminosas, pois este é un aspecto imprescindíbel desta tendencia decorativa. A luz natural ha de deixar un rastro tenue sobre os móbeis de materiais nobres e cálidos que configurarán os dous cuartos, para dar paso a unha iluminación artificial con reflexos amarelos ao anoitecer, a que emanará das pequenas lámpadas sinxelas con pantallas brancas.
No salón primará o confort, cun grande sofá de madeira sobre o que se colocará un colchón en branco e cru, con grandes coxíns das características descritas, e varios butacóns que formarán parte deste espazo no que non poden faltar unha mesa central e algunhas mesiñas auxiliares. Noutro lugar do salón disporase unha mesa alta de comedor con cadeiras de fibras naturais. Á decoración con obxectos e detalles propios deste estilo sumaranse plantas tropicais de follas grandes en tarros de terracota.
O dormitorio contará cunha cama de tamaño xeneroso que incorporará dosel ou mosquiteira. Vestirase unicamente con sabas de fío ou algodón en branco, á que se poden incorporar diversos coxíns. Un grande armario de madeira, unha consola ou mesiña de escritorio, un espello enmarcado con algún material autóctono, un biombo de India, Bali ou Indonesia, e un baúl asiático de teca poden completar a estancia.
O máis lido
Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.