Rutas, mapas, coches, restaurantes, noticias motor, el tiempo, hogar y mas en repsol.com

Repsol YPF

lblLogoRepsol

Ruta

Estou en: Inicio > Casa e fogar >
Personalizar a caixa de ferramentas

Cómpre saber cales son as ferramentas imprescindíbeis, as importantes pero menos necesarias... en fin, todos os utensilios que poden facilitar o traballo.

Será interesante confeccionar un xogo de ferramentas personalizado no canto de mercarmos os que comercializan as tendas. 

Para empezar hai que conseguir un contedor práctico e funcional, unha cuestión que esixe ter en conta os seguintes factores: material do contedor, facilidade de transporte e manipulación, e inclusión de compartimentos e organizadores.

A oferta do mercado comprende as caixas (metal, plástico e tea), os maletíns (plástico e metal) e as bolsas e carros de tea. Tamén se pode optar polos contedores, caixóns ou módulos amontoábeis de polipropileno se o proxenitor é un grande afeccionado á bricolaxe e conta cun pequeno almacén. 

O material do contedor é importante, pois debe ser moi resistente para poder cargar os útiles da bricolaxe. Así, no caso do plástico, o máis aconsellábel é o policarbonato ou o polipropileno, mentres que, no caso da tea, se recomenda o nailon groso. 

A facilidade de transporte resólvese valorando a largura e solidez das asas, así como o grosor das rodas, nos colectores móbeis. As primeiras deben ser robustas e anchas, e as segundas deben ter un grosor superior a 10 cm. Finalmente hai que fixarse nos departamentos, petos e caixóns e na operatividade destes (que abran con facilidade e deixen ver o que conteñen no seu interior).  

Unha volta escollido o contedor, haberá que se centrar na escolla das ferramentas, pero antes será preciso frear a súa eventual oxidación, ao introducir nel útiles de metal. Para iso, a mellor solución será incorporar unha bolsa de tea con arroz. 

Os imprescindíbeis
É importante que o xogo de bricolaxe conte coas ferramentas e útiles indispensábeis para acometer calquera traballo de albanelaría, carpintaría, electricidade ou fontanaría, así como para resolver as avarías ou problemas que se poidan presentar no fogar. Todos os accesorios deben ser de calidade. Aforrar nesta materia é prexudicial, porque a vida útil dos bos artigos é infinitamente maior que a dos mediocres. Ademais, as ferramentas de calidade facilitan o traballo e contribúen a evitar riscos innecesarios. 

Os utensilios imprescindíbeis son: 

Alicates

- Emprégase para cortar cables e desenroscar porcas. O "universal" é o máis práctico. 
Escuadro de carpinteiro.
- Permite comprobar o escuadrado dun móbel ou dunha ensambladura e facilita o trazado de liñas perpendiculares ou a 45º respecto do canto dun taboleiro.

Xogo de desaparafusadores
Desaparafusadores de punta plana e de estrela. 

Xogo de chaves
- Incorporará chaves de distintos tamaños para colocar e extraer calquera tipo de parafuso. 

Lixas e la de aceiro
- Lixas de diferentes grans, de 40 a 80, de 100 a 180, e de 240 a 400, para os distintos tipos de pulido. La de aceiro grosa (0), media (00) e fina (000). 

Limas e limas grosas
- Para complementar e rematar o lixado. 

Martelo
- O máis recomendábel é o martelo con orellas, que permite extraer cravos e puntas.

Metro de fita metálica
- Debe ser largo e arqueado, cunha lonxitude de 3 a 5 metros.

Nivel
- Mide a horizontalidade ou verticalidade dun elemento, polo que resulta fundamental para as estruturas ou pezas que van colgadas da parede e para a montaxe de estantes. 

Serrón de costela
- Con esta ferramenta alcánzase a máxima precisión nos cortes de listóns, barras e molduras. 

Serra de metal
- Imprescindíbel para cortar metais e plásticos. 

Tenaces
- Indispensábeis pola súa versatilidade, serven para cortar arames, extraer cravos e mais puntas e suxeitar pezas. 

Trade eléctrico
- Para o uso doméstico, abonda cun trade que reúna as seguintes características: electrónico, para regular a velocidade segundo o material sobre o que se vai proceder; reversíbel, para xirar á dereita e á esquerda, o cal facilita o seu uso como desaparafusador; con percusión, para tradear comodamente os materiais máis resistentes; e cunha potencia mínima de 500 watts. 

Brocas
- As brocas, do mesmo xeito que o trade, deben ser de boa calidade e preferíbelmente de marcas recoñecidas e especializadas na fabricación destes produtos. 

Xunto cos útiles mencionados, o caixón da bricolaxe deberá integrar tamén un lapis, un cúter, unha regra, unhas tesoiras, un alongador eléctrico, fita adhesiva e illante, cola universal e unha ampla variedade de tacos de fixación, parafusos, porcas, cravos, escápulas, alcaiatas, tirafondos e grampas. Os tacos, as escápulas e as alcaiatas serven para pendurar calquera elemento da parede. As porcas, os parafusos e os tirafondos son imprescindíbeis para fixar, ensamblar, realizar unións e mais asegurar fixacións e as grampas empréganse para suxeitar os cables ás paredes e ocultalos en lugares pouco visíbeis.


Nota informativa: Tradución do orixinal en castelán. No caso de calquera discrepancia, prevalecerá a versión en castelán.